Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presentou a cuarta edición do programa Buxiganga

Nota de prensa
ANTONIO VEIGA E MARIO OUTEIRO PRESENTARON HOXE NA DEPUTACIÓN A 4ª EDICIÓN DO PROGRAMA BUXIGANGA

Mario Outeiro explicou que “como novidade este ano, as asociacións e concellos que participen no programa terán que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, que poderán financiar cobrando ata dous euros taquilla”

Antonio Veiga fixo fincapé “no auxe que cada ano conseguen os circuítos teatrais de Buxiganga, pois o número de grupos teatrais participantes increméntase ano tras ano”

Lugo, 8 de marzo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, compareceron en rolda de prensa na mañá de hoxe,  para presentar a cuarta edición do programa “Buxiganga”, que pon en marcha a Área de Cultura, e que pretende apoiar aos grupos de teatro afeccionado, apoiar aos concellos e ao tecido asociativo á hora de deseñar os seus programas en materia cultural e “facer que o teatro e a cultura chegue a todos os recunchos da provincia”, segundo apuntou Mario Outeiro.

Antonio Veiga fixo fincapé no auxe que está gañando ano tras ano este programa: “No ano 2009 foran 12 grupos de teatro afeccionado os que participaran en toda a provincia , e o pechar 2011 foron 22 grupos, ou sexa que durante estes anos se contribuíu a fomentar o asociacionismo, así como a afección o teatro, e difundilo e divulgalo a través dos concellos”. O vicepresidente da Deputación insistiu en que “adaptándonos aos tempos de crise, nós seguimos apostando polo Buxiganga, porque, como di o dramaturgo Arthur Miller ‘o teatro non pode desaparecer porque é a única arte onde a humanidade se enfronta a si mesma”; fai falta moito teatro, fai falta moita arte nestes tempos que estamos a vivir para formar espírito crítico na sociedade e nos colectivos que traballan no eido da cultura”.

Unha das novidades desta edición é que, ademais dos concellos, tamén poderán solicitar representacións teatrais dos circuítos Buxiganga asociacións culturais e veciñais que así o desexen. Outra das novidades é que os concellos e asociacións “terán que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poderán financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, e a Área de Cultura da Deputación financiaría o 80% restante”, puntualizou Mario Outeiro, ó que engadiu que “esta forma de financiamento implántase coa idea de buscar unha maior colaboración, así como un mellor funcionamento do programa”.

O caché dos grupos de teatro afeccionado manteríanse idénticos aos do ano pasado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarían 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarían 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros.

O programa Buxiganga será aprobado mañá en Xunta de Goberno, e o vindeiro luns 12 de marzo saíran publicadas as bases no BOP, polo que todos os concellos e asociacións que desexen beneficiarse deste programa cultural, así como os grupos de teatro afeccionado que queiran participar poderán facer as solicitudes desde o vindeiro martes 13 de marzo e durante vinte días naturais.

Exit mobile version