Nota de prensa 1/2
A Deputación recorta os custes en telefonía nun 48%, aforrando 236.000 euros ó ano
– Establécense cotas máximas de consumo de ata 25 euros mentres se recortan as liñas móbiles en 65 e os ADSL en 20 logo de rexistrar as necesidades deste servizo en todos os departamentos provinciais coas aplicacións informáticas implantadas con fondos europeos
– A institución prioriza os seus investimentos na creación de emprego, aprobando 48 accións formativas con prácticas remuneradas para desempregados lugueses e 50 bolsas para traballar en empresas da UE, dirixidas a titulados tamén da provincia e en paro
– O organismo provincial achega 235.000 euros, cofinanciados nun 89% polo Plan Avanza, a nova programación gratuíta sobre novas tecnoloxías para veciños e PEMES do In Lugo
E é que, en base ós completos e rigorosos resultados obtidos de ditas aplicacións, a institución luguesa puido establecer cotas máximas de consumo telefónico de ata 25 euros, así como recortar as liñas telefónicas móbiles en 65 e os ADSL en 20. Martínez indicou, ademais, que “se priorizando as responsabilidade do persoal”, exemplificando que os capataces que controlan os máis de 4.000 quilómetros de rede viaria provincial deben estar operativos as 24 horas dos 365 días ó ano; ou que persoal do Parque Móbil, Vías e Obras, así como o de Urbanismo, traballa desplazándose por todo territorio lugués.
O Deputado remarcou que, con esta actuación, o organismo provincial acumula xa un aforro de máis de 430.000 euros anuais grazas ás primeiras medidas de reducción de custes para 2012, postas en marcha polo Goberno Provincial nos tan só dous meses deste ano. Mostra delo, Martínez lembrou que se reformou o contrato do subministro eléctrico nas dependencias provinciais, reducindo a factura eléctrica nun 25% e aforrando 130.000 euros ó ano; recortou nun 27% os custes de adquisición de material de oficina, aforrando 24.800 euros anuais; suprimiuse na súa totalidade o papel timbrados encargado a imprenta, substituíndoo por unha plantilla feita por persoal provincial, aforrando outros 20.000 euros; e alugáronse impresoras e equipos multifunción que inclúen fotocopiadora e fax, evitando os 24.750 euros que suporían a compra e o mantemento deste material.
Investimentos para reactivar o emprego
A institución aforra en custes correntes, priorizando os investimentos en formación para a creación de emprego. Exemplo delo, a Xunta de Goberno aprobou a programación de cursos para desempregados lucenses do Pacto Provincial polo Emprego II, o quinto proxecto en España e o primeiro de Galicia que recibiu o maior importe dentro do Fondo Social Europeo na última convocatoria. Martínez adiantou que son 48 accións formativas sobre os nichos de emprego na provincia: atención sociosanitaria a personas dependentes nos domicilios ou en institucións sociais, hostalería, turismo e industria manufactureira. A custe cero, beneficiaranse destes cursos, que o organismo provincial levará a todos os Concellos da provincia, unhas 720 persoas. Tendo en conta que na primeira parte desta programación participaron 500 parados lugueses, as prazas increméntanse agora nun 44% porque a UE otorgou máis cartos. As xornadas incluirán formación teórica e prácticas en empresas que estarán remunerados, cunha axuda equivalente ó 75% da cuantía establecida polo IPREM, é dicir, uns 400 euros. O orzamento desta iniciativa é superior ós 3,5 millóns de euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea en un 20% da Deputación.
Outra mostra de que a Deputación centraliza parte do seu orzamento na creación de novas oportunidades laborais, e que na sesión tamén se acordou investir 227.125 euros, cofinanciado nun 70% pola Unión Europea, concretamente procedentes do Plan de Formación Leonardo da Vinci, para o proxecto LugoJob. Trátase dun programa de 50 bolsas de emprego para mozos lucenses titulados, menores de 35 anos e que actualmente estén en paro, coas que, a custe cero, poderán realizar prácticas durante 4 meses en empresas de Hamburgo (Alemaña), Viena (Austria), Florencia (Italia), Lisboa (Portugal), Praga (República Checa), Belfast e Cork (Irlanda).
Na mesma liña, a Xunta de Goberno aprobou achegar preto de 235.000 euros, cofinanciados nun 89% polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, a nova programación de accións formativas sobre novas tecnoloxías do 1º Centro de Innovación Social de Galicia, o In Lugo da Deputación. Deste xeito, acordouse iniciar os procesos de contratación dos cursos tecnolóxicos gratuítos para veciños de todas as idades (117.410 euros) e das xornadas de sensibilización e dinamización de innovadores produtos tecnolóxicos, tamén a custe cero, para autónomos, así como para pequenas e medianas empresas luguesas (117.410 euros). En 2011, máis de 1.300 persoas se beneficiaron das máis de 100 xornadas da anterior programación, celebradas nas propias instalacións do In Lugo, nos Concellos e de xeito on line. Houbo participantes de entre os 6 ata os máis de 65 anos, membros de diferentes colectivos como a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, a Asociación de Empresarias de Lugo, a Asociación de Enfermos de Alzheimer (AFALU) ou Proxecto Home, así como profesionais de sectores como o da agricultura ou a gandería, e mesmo autónomos.
Aplicacións informáticas con fondos da UE
Martínez explicou que, se cos fondos europeos a Deputación xa implantou ferramentas informáticas coas que se coñecen as necesidades de servizos, por exemplo o do telefónico, co fin de aforrar custes correntes, tamén con cartos da Unión Europea, hoxe a Xunta de Goberno aprobou a contratación dunha nova aplicación tecnolóxica que, por un lado, permitirá ós traballadores públicos coñecer de xeito máis áxil as horas de traballo acumuladas, a súa nómina ou o seu expediente a través de Internet e, por outro, suporá un control máis sinxelo do labor do persoal provincial por parte da institución. O voceiro destacou que esta ferramenta, que posteriormente se ofrecerá a custe cero ós Concellos adheridos ó Innova-TE, permitirá os cidadáns coñecer dende a Rede a oferta pública de emprego, así como inscribirse nos procesos de selección de persoal. O orzamento de adxudicación foi de 70.800 euros, cofinanciados nun 70% pola Unión Europea ó proceder do presuposto asignado para o Innova-TE.
Outros acordos
Finalmente, Martínez deu conta do nomeamento do Director de Asesoría Xurídica, posto que substitúe ó de Vicesecretario logo da xubilación da persoa que ocupaba este cargo, facendo que a Deputación non incremente, nin un só euro, os custes de persoal. E máis, informou o voceiro, a institución recortou nos últimos 2 anos esta partida en máis de 11 millóns de euros. Este traballador, que non solapa as funcións doutros empregados públicos, reforzará a prestación xurídica ós Concellos, aforrando miles de custes ás arcas locais, debido a crecente carga de traballo que rexistra o departamento de Asesoría Xurídica. Hai que ter en conta que, nun só ano, a Deputación prestou asistencia ós Concellos en máis de 120 preitos. No proceso de selección, participaron 3 persoas, das que 2 non cumpriron co requisito de ser funcionario pertencente a escalas xurídica, perfil imprescindible para este cargo.
Nota de prensa 2/2
O PROGRAMA TEATRAL BUXIGANGA, QUE SE ORGANIZA POR 4º ANO CONSECUTIVO, FOI APROBADO HOXE EN XUNTA DE GOBERNO
“Unha das novidades deste ano e que asociacións culturais e veciñais, ademais dos concellos, poden solicitar representacións teatrais deste programa”
Por outra banda, Outeiro afirmou que as críticas de Candia en materia de Igualdade “só se poden explicar desde o absoluto descoñecemento e que a Deputación leva a cabo políticas de igualdade”
Lugo, 9 de marzo de 2012. O delegado de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou hoxe, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, as bases da convocatoria do programa Buxiganga, proxecto que pon en marcha a Área de Cultura, e que pretende apoiar aos grupos de teatro afeccionado, apoiar aos concellos e ao tecido asociativo á hora de deseñar os seus programas en materia cultural e “facer que o teatro e a cultura chegue a todos os recunchos da provincia”, segundo apuntou Mario Outeiro.
Unha das novidades desta edición é que, ademais dos concellos, tamén poderán solicitar representacións teatrais dos circuítos Buxiganga asociacións culturais e veciñais que así o desexen. Outra das novidades é que os concellos e asociacións “terán que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poderán financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, e a Área de Cultura da Deputación financiaría o 80% restante”, puntualizou Mario Outeiro, ó que engadiu que “esta forma de financiamento implántase coa idea de buscar unha maior colaboración, así como un mellor funcionamento do programa”. O caché dos grupos de teatro afeccionado manteríanse idénticos aos do ano pasado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarían 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarían 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros.
Os cirtuítos de teatro Buxiganga terán lugar entre abril e xullo, e setembro e novembro. Cada grupo poderá exhibir tres obras de teatro diferentes, e poderán repetir a obra ata en dez ocasións en varios anos, “de maneira que os grupos de teatro afeccionado xa terán rodadas as representacións, e en ningún caso resultará repetitivo, pois son moitas as localidades nas que se farán estas representacións”
O vindeiro luns 12 de marzo saíran publicadas as bases deste programa no BOP, polo que todos os concellos e asociacións que desexen beneficiarse deste programa cultural, así como os grupos de teatro afeccionado que queiran participar poderán facer as solicitudes desde o vindeiro martes 13 de marzo e durante vinte días naturais.
Resposta ás críticas en materia de Igualdade da deputada popular Elena Candia
Mario Outeiro indicou que “unha forza política con responsabilidades de goberno non pode dedicarse a “predicar, senón que ten que dar trigo”, e á vista está o trigo que dan en políticas de igualdade os concellos dirixidos polos populares nas comarcas de Lugo, concellos nalgúns dos casos presididos por compañeiros dela no grupo provincial do PP, que carecen de calquera tipo de medida que facilite a incorporación da muller ao ámbito do público e, particularmente, ao mercado laboral, o que contrasta coas políticas que vimos desenvolvendo desde a Área de Igualdade da Deputación de Lugo. Non deixa de ser curioso que aos populares lle entrase a preocupación neste tema desde que o BNG goberna nunha institución na que eles gobernaron durante 24 anos sen ningún tipo de política de xénero. Igual que non é casual que a súa preocupación se limite en exclusiva ao ámbito da institución da Deputación, institución que como debería saber a señora Candia, non ten ningún tipo de competencia legal neste ámbito”. “Así e todo, -afirmou Outeiro-, polos nosos feitos nos coñeceredes e a maiores dos investimentos que nos orzamentos se recollen neste ámbito, é chocante que o mesmo día que a Deputación inaugura todo un mes dedicado á Igualdade con exposición, conferencias, obradoiros, mesas redondas …. Se fagan públicas este tipo de declaracións, só explicábeis, desde o descoñecemento absoluto do que está a facer o organismo provincial”.
Xa por último, Mario Outeiro ofreceulle a Candia “todo tipo de información sobre as políticas en materia de Igualdade, que se están executando ou se van executar, así como a miña colaboración para explicarlle o que vén recollido nos orzamentos, posto que só desde o descoñecemento ou desde a perspectiva que alguén que non mirou os orzamentos da Deputación nin lle fai seguimento ao BOP se poden explicar as súas palabras. En definitiva, sería bo que a señora Candia se tranquilizase e non falase de memoria”.