AO MONSEÑOR GÚSTALLE O PRIVADO
E un que leva unha semana ben jodido, tirado na cama cunha gripe desas cunha “cepa” cunha mala leite de moito San Dios, aproveito para dirixirme ao Monseñor, ou Eminencia ou a súa Santidade, vostede perdoarame pero estou frouxo en protocolo eclesiástico.
Di vostede que España está enferma. E esta vez non falou do divorcio, nin do aborto, nin da homosexualidade, nin deses asuntos que sempre lle traen a vostedes de cabeza nas longas noites de inverno. Nin sequera se referiu a eses descoidos que teñen nas súas filas día si e día tamén, metendo a man nun cepillo ou nun raparigo. Dixo vostede que está enferma porque os mozos aspiran a traballar no sector público e que somos unha sociedade subsidiada.
Isto dío un señor que é o encargado dun gremio que non fabrica marionetas de trapo, nin fermosa cerámica, nin mobles de deseño, nin lavadoras ecolóxicas, nin sequera cociña brazos de xitano como as monxas de convento de aquí o lado. É vostede unha especie de tertuliano, como Belen Esteban, Rahola ou como Kiko Matamoros, coa diferenza de que o seu soldo non depende da audiencia senón da achega que fai o Estado, un estado aconfesional, se se me permite dicilo. De maneira que un subsidiado critica os subsidios, coma se Belén Esteban criticase o mal gusto ou coma se Tío Gilito criticase o capitalismo.
Eminencia, eu non son un subsidiado deses. E o que é peor, nunca o quixen ser. Adícome a facer cerámica, antes servín copas, comidas e moitas mais cousas pero sempre quixen crear cousas e ensinar o pouco que sei. E aínda que a vostede lle pareza estraño, non só me encanta o meu traballo, senón que me sinto útil. Quizais me engane a min mesmo, pero son dos que cre que as sociedades progresan se están ben formadas. Ata, mire Santidade se son iluso, ata me creo que canto máis preparados estean os mozos, máis espírito crítico desenvolverán, máis libres serán e máis sentido terá iso que chamamos democracia.
Dirame vostede que a educación tampouco debe subsidiarse, que cada pau aguante a súa vela, e que quen queira ser listo que llo pague. De feito, vostedes teñen unha rede de centros privados, nos que instrúen aos seus fieis nas súas parafilias particulares. Se existen escolas de magos, escolas de tarot, cursos de barra americana ou clases de mus, non serei eu quen critique as escolas relixiosas nas que por certo fun alumno algunha vez. Pero aínda que vostede non se deu conta, porque é o que teñen os oropeles e o poder, que lle fan perder o contacto coa realidade, hai moitas persoas que non poden acceder a unha educación privada. E fai xa uns cantos anos, sería na época da desamortización de Mendizábal para que se faga unha idea, aquí decidimos que a educación era universal, e que iamos intentar crear unha sociedade de igualdade de oportunidades. E que non iamos someter ás persoas á tiranía do berce, esa que funcionaba tan ben no século XVI, na que o destino estaba marcado no momento en que nacías.
E hai países que llo creron de verdade. Neses países, un mestre é alguén querido e respectado. Hai países que saben que todo depende de que os mellores, os máis capacitados, os máis preparados, os máis traballadores, decidan dedicarse á cousa pública e transmitir aos demais o que intentan saber. Hai países (onde ademais fai moito frío) onde o futuro depende de que os mellores queiran ser traballadores públicos, e dedicarse a ensinar. Que é, fíxese vostede, exactamente o contrario do que vostede opina.
E agora imaxinemos un país onde os mellores licenciados en dereito deciden ser bos xuíces ou bos avogados de oficio, onde os mellores licenciados en medicina deciden ser médicos en centros públicos, onde os mellores, os máis preparados, son responsables de centros penais, ou asistentes sociais, ou xestores da seguridade viaria, ou que se eu, arquitectos municipais… Xa ve, o que para vostede é unha enfermidade, para a min é un síntoma de saúde, e isto ocórreme case sempre que vostedes cualifican algo de enfermo ou anormal. Relativismo, chámano vostedes.
Non se preocupe. Non é vostede o único. Hai unha ofensiva imparable, nos medios, nos faladoiros, nas escolas de negocio, nos partidos políticos e ata nas setas satánicas, contra a res pública. España vai mal porque hai moitos traballadores públicos (funcionarios chámanos vostedes, aínda que moitos non o sexan), e a única cura é limpar o país de vagos e maleantes mestres, médicos, avogados, asistentes sociais, e demais parasitos. Co transfondo da crise, os de sempre están desmantelando os servizos sociais, mestre a mestre, escola a escola, hospital a hospital. E están gañando a batalla dos discursos, co mantra do vago funcionario. De feito, vostedes sempre foron a coartada ideolóxica dos de arriba. E, por iso, Monseñor, recitan no púlpito as mesmas homilías que lemos nalgunhas revistas de negocios. A mesma monserga.
Otero Regal