Site icon Crónica3.com A Mariña

A rede museística da Deputación acollerá unha mostra do festival internacional de cine euroárabe AMAL

NBota de prensa

A REDE MUSEÍSTICA ACOLLERÁ UNHA MOSTRA DE CINE DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE EUROÁRABE AMAL

Mario Outeiro indicou que “é un pracer colaborar cun proxecto que pretende achegar o cine e a cultura doutros países”

Esta mostra desenvolverase en cinco xornadas, do 19 ao 23 de marzo no Museo de Lugo, nas que se exporán pezas cinematográficas producidas na rexión do Magreb, así como outros ciclos no resto de Museos da Rede

Lugo, 15 de marzo de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta mañá na sala multiusos do Museo Provincial de Lugo na presentación da Mostra de Cine do Festival Euroárabe Amal, cine do Magreb, dentro do programa de actividades culturais que leva a cabo a fundación Araguaney-Puente de culturas, entidade organizadora do festival. Na presentación tamén estivo o director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, quen agradeceu a colaboración para poder achegar a Lugo esta mostra “porque Amal é un festival galego, non só de Compostela”

Esta mostra levarase a cabo en cinco xornadas, do 19 ao 23 de marzo, no Museo Provincial de Lugo, todas elas ás 19.00 horas, nas que se proxectarán as seguintes pezas cinematográficas, dentro das que se inclúen curtametraxes, películas, documentais e pezas de ficción, gravadas na súa maioría na rexión do Magreb: Una vida corta, Khalid, Un día en Smara, Los condenados del mar, Garagouz, Bumerán, Al Madina, Ropa sucia, Goulili, Salah Azzaz, e Territorio perdido. Con esta mostra, desde a organización pretenden ofrecer unha instantánea sobre o Magreb con coproducións de Marrocos, Arxelia, e Túnez, presentadas nas tres últimas edicións do Festival Amal.

Con este tipo de iniciativas a fundación Araguaney pretende abrir unha porta de colaboración con todas as entidades e institucións que teñan como obxectivo común o diálogo intercultural, ó mesmo tempo que difunde o cine árabe e concilia diferentes culturas. As mostras Amal ofrecen a oportunidade de acercar aos espectadores a un cine difícil ou imposíbel de ver nas salas de distribución comerciais.

Mario Outeiro indicou que “desde a Área de Cultura da Deputación é un pracer poder colaborar cun proxecto que pretende achegar o cinema doutros países que dificilmente se podería ver aquí se non é grazas a iniciativas deste tipo, polo que desde un primeiro momento acollemos a proposta e mantivemos unha colaboración para que esta mostra de cine, dentro do festival Amal, chegase a Lugo”. “Para nós é importante, ademais de que como lucenses e galegos coñezamos e poñamos en valor aos nosos creadores e as nosas manifestacións artísticas, que tamén os nosos cidadáns poidan achegarse a outras culturas a través da experiencia, neste caso, cinematográfica, polo que consideramos moi acaído que esta mostra poida desenvolverse nas instalacións do Museo de Lugo desde este luns 19 de marzo e até o venres 23”.

Ao mesmo tempo, Mario Outeiro indicou que tamén se van desenvolveran mostras similares nos outros tres museos da Rede Museística Provincial: o Pazo de Tor, de Monforte, acollerá a mostra “Mulleres”, a Fortaleza de San Paio de Narla, de Friol, acollerá a mostra “Inmigración” e o Museo Provincial do Mar, de San Cibrao, acollerá a mostra “Mozas e mozos”. Coa presenza desta actividade en todos os museos da Rede Museística, é posible achegar o cine do Magreb a unha maior parte da poboación lucense.

Segundo afirmou o director do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, desde 2004, Ghaleb Jaber Martínez, “trátase de tender unha ponte entre culturas e tamén amosar cine fóra dos circuítos comerciais que sería imposíbel ver aquí, pero que reflicte temáticas que non nos son alleas, xa que, por exemplo, os galegos coñecemos moi ben o que o drama da emigración supón para un pobo, […] e o cine xera ilusións na sociedade, porque o máis valioso que temos é aquilo que ninguén nos pode arrebatar”. Neste sentido, Ghaleb Jaber Martínez afirmou que o “cine serve para aprender, transmitir emocións, e comprobar como todas as persoas temos máis en común do que nos parece, xa que os galegos somos moi semellantes aos palestinos, gústanos a vida tranquila, a aldea e comer ben…se algunha vez os galegos van alí van dicir, isto é coma o noso”.

Programación

_____Museo Provincial de Lugo

Temática: Magreb

Luns, 19 de marzo, 19:00 h.: Unha vida curta (15‘) Khalid (15‘) Un día en Smara (24‘).

Martes, 20 de marzo, 19:00 h.: Os condenados do mar (71‘) .

Mércores, 21 de marzo, 19:00 h.: Garagouz (21‘) Bumerán (26 ‘) Al Madina (14 ‘).

Xoves, 22 de marzo, 19:00 h.: Roupa sucia (20’) Goulili (15’) Salah Azzaz (22’).

Venres, 23 de marzo, 19:00 h.: Territorio perdido (75’).

_____Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol)

Temática: Inmigración

Martes, 20 de marzo, 19:00 h.: Os esquecidos de Cassis (71‘).

Mércores, 21 de marzo, 19:00 h.: Al Madina (14 ‘) A autoridade (10‘) Deus, o mar e a noite (25‘).

Xoves, 22 de marzo, 19:00 h.: Salah Azzaz (22’) Beirut (17 ‘) Bumerán (26 ‘).

Venres, 23 de marzo, 19:00 h.: Queimando o Estreito (50’).

_____Museo Provincial do Mar (San Cibrao, Cervo)

Temática: Mozos e mozas

Martes, 20 de marzo, 19:00 h.: Warda (4‘) Hudud (8‘) A miña humilde historia (32‘) .

Mércores, 21 de marzo, 19:00 h.: Mudo (20‘) Garagouz (21‘) Hiyab (8‘).

Xoves, 22 de marzo, 19:00 h.: Skalid (15’) O vendedor de panos (32‘) Prohibido o paso (8‘).

Venres, 23 de marzo, 19:00 h.: Shooting Muhamemed (50’).

_____Museo Pazo de Tor (Tor, Monforte de Lemos)

Temática: Mulleres traballadoras

Martes, 20 de marzo, 19:00 h.: Monecas, unha muller de Damasco (53‘).

Mércores, 21 de marzo, 19:00 h.: Un día en Smara (24 ‘) Prohibido o paso (8 ‘) Beirut (17 ‘).

Xoves, 22 de marzo, 19:00 h.: A muller policía (14 ‘) A miña moneca de trapo (26 ‘) A criada (19 ‘).

Venres, 23 de marzo, 19:00 h.: Sensibilidade en feminino (15’) O do da cigoña (14’) Fiasco (19’).

Exit mobile version