Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Educación reformará o acceso ao parque infantil do CEIP do Vicedo

Nota de prensa

Nota de prensa:

RAQUEL ARIAS ANUNCIA QUE CULTURA E EDUCACIÓN ACOMETERÁ A REFORMA DA ÁREA DE ACCESO AO PARQUE INFANTIL DO CEIP DO VICEDO

A delegada territorial visitou hoxe o centro vicedense e revisou as obras de mellora acometidas no mesmo polo actual Executivo galego, que leva investidos arredor de 70.000 euros para modernización das instalacións

O Vicedo, 6 de marzo de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, raquel Arias, anunciou hoxe que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da xefatura territorial da Delegación Territorial de Lugo, realizará nos próximos meses obras de reforma nas instalacións do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do Vicedo.

Arias, que visitou hoxe o centro acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Novo Martínez, e polo responsable de Educación da Delegación Territorial, José Ramos Ledo, indicou que o departamento educativo acometerá nos próximos meses obras de reforma e mellora na zona exterior do parque infantil e na área de acceso ao mesmo.

Estas obras virán a sumarse aos traballos de reforma e modernización que o Executivo galego, a través do departamento de Cultura e Educación, realizou neste centro educativo vicedense dende o ano 2009. Arias concretou e indicou que “os traballos de mellora acometidos neste colexio supuxeron un investimento de preto 70.000 euros (68.081 euros)”.

Con esta partida económica, levaronse a cabo, en distintas fases, reparacións na cuberta das instalacións docentes que se viran afectadas por vendavais, melloras na zona do patio exterior, reforma da instalación eléctrica e proxectos de mellora e modernización da sala de profesores e da entrada ao recinto. Neste sentido compre subliñar a remodelación acometida nas dependencias da aula empregada para Pedagoxía Terapéutica, na que Educación impulsou unha mellora na que investiu preto de 21.000 euros.

A máxima representante do Executivo galego na provincia fixo fincapé “no esforzo do Executivo autonómico para mellorar as dotacións dos centros educativos da provincia de Lugo, actuando para solventar as súas deficiencias, como o demostra o importante compromiso económico que está a realizar. A delegada territorial asegurou que dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se seguirá traballando para que “a oferta educativa pública na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para dotar aos centros do equipamento necesario, optimizando os recursos públicos”.

As actuacións dispostas no CEIP do Vicedo, segundo expuxo Arias, “executaranse con cargo aos orzamentos do plan de Obras de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) do presente exercicio 2012 e, as tarefas de execución realizaranse nun período que facilite que as reformas poidan estar dispostas para o inicio do curso 2012-2013”.

Exit mobile version