Site icon Crónica3.com A Mariña

A web cinemalugo.tv creada pola Deputación recolle varios traballos cinematográficos da Mariña

Nota de prensa

A WEB “CINEMALUGO.TV” CREADA POLA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN RECOLLE VARIOS TRABALLOS CINEMATOGRÁFICOS DA MARIÑA

Antonio Veiga explicou que “os protagonistas deste novo proxecto serán as películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”

O novo espazo que desde onte está en funcionamento pretende actuar como pantalla de divulgación para os novos creadores e creadoras da provincia e un catálogo audiovisual das creacións lucenses

Lugo, 6 de marzo de 2012. Na mañá de onte, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, compareceron en rolda de prensa para presentar o novo proxecto que puxo en marcha a Área de Cultura: un espazo web que recolle o patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo, “LugoCinema”. Como explicou o vicepresidente da Deputación, “ao mesmo tempo, servirá de pantalla para dar a coñecer o traballo dos novos creadores neste ámbito”.

O patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo, que será o protagonista deste novo proxecto, está formado fundamentalmente “por películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”, explicou Antonio Veiga. Veiga recolleu na súa intervención que “Cinemalugo.tv nace como unha iniciativa da área de cultura da Deputación Provincial de Lugo, no seu empeño por axudar a promoción e difusión do cinema galego, e particularmente aquel vencellado ás terras de Lugo. Non se trata dun proxecto pechado, e neste senso dende a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo facemos un chamamento a todos aqueles a aquelas que queiran participar neste proxecto. Neste momento os contidos son aínda escasos, pero como diría Castelao non lle poñades chatas á obra ata que estea rematada”.

Segundo explicou Veiga, os obxectivos fundamentais deste proxecto son: “dunha banda universalizar o acceso a contidos audiovisuais do cinema lucense e galego, promover a dixitalización das obras audiovisuais, facilitando o camiño cara ás novas demandas que se producirán no sector nos vindeiros anos e adaptándoas a novos estándares de visualización, a promoción e normalización do idioma galego no sector, promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de marketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras, e, por suposto como xa dixemos, o apoio ás e aos novos/as creadores/as”.

Esta nova web recolle varios traballos cinematográficos sitos na Mariña Lucense:

O Documento. Esta é unha peza cinematrográfica de acción, de Enrique Rodríguez Baixeiras, gravada en Ribadeo no ano 1974 e no que participaron como actores veciños do concello. Este filme está baseado no conto do mesmo nome de Ánxel Fole, foi realizada en 16 mm e narra como un mozo que sofre un desengano amoroso, cre que a única saída que lle queda é botarse desde unha árbore. Os veciños, que saben das súas intencións, recrimínano pero será o señorito do pobo quen o faga baixar da árbore a tiros.

A marcha de Xove. Trátase dun documental de Carlos Varela Veiga, gravado cunha cámara de súper 8 en distintas localizacións dos concellos de Xove e Viveiro, en 1977. Este recolle os movementos de protesta veciñal contra a central nuclear que se quería instalar en Xove, no areal de Baldaio.

Riquezas lucenses. De 1948 é este documental obra de Carlos Boué, guionista e director de moitos dos traballos realizados por Peñalara Films na provincia de Lugo, actividade que compaxina coa de propietario de Augustus Films, productora deste documental, que foi gravado en Foz e que recolle traballos forestais no aserradoiro da parroquia de Vilaronte, traballos de pesca do bonito na Costa de Lugo, e traballos en Conservas Dalo.

33. Curtametraxe dos noveis Matías Nicieza e Alejandro López, gravada en 2008, e que conta a historia de Salvador, un xove profesor de filosofía, herda tras da morte do seu tío un complexo hoteleiro situado no cumio dunha colina illada. Alí coñece aos estraños habitantes do lugar: Tadeo, o encargado das instalacións; o inocente Teófilo; e o hierático sacerdote Don Cristóbal. Salvador empeza a intuír que alí existe algo sinistro que tratan de ocultarlle, cando polos corredores do hotel ve unha misteriosa xove que parece fuxir de alguén ou algo.

Exit mobile version