Site icon Crónica3.com A Mariña

Alcoa e autoridades presentaron no IES Marqués de Sargadelos un proxecto de eco-innovación

Nota de prensa:
Alfonso Villares resalta a achega formativa do proxecto E-IES Marqués de Sargadelos

-Trátase dunha iniciativa da que se benefician os alumnos do ciclo superior de Química Industrial do instituto cervense

-O rexedor destacou o carácter innovador e a aposta polo desenvolvemento sustentable do proxecto que xa está en marcha

Cervo, 13 de marzo de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, participou esta mañá no acto de presentación do proxecto formativo en eco-innovación denominado E-IES Marqués de Sargadelos que tivo lugar nas instalacións do instituto. Trátase dunha iniciativa promovida polo centro e que conta co financiamento da empresa Alcoa. Durante a presentación o rexedor cervense amosouse satisfeito por comprobar que “esa colaboración público-privada necesaria para o crecemento de calquera sociedade está dando os seus froitos”. Durante a presentación tamén se fixo un seguimento do convenio asinado hai dous anos entre a Consellería de Educación e Alcoa para levar a cabo un proxecto relacionado coa produción, comercialización e xestión económica cos alumnos de Química Industrial do instituto.

Villares asegurou que este E-IES Marqués de Sargadelos “vai no camiño de favorecer o futuro laboral da mocidade a través das únicas ferramentas útiles: a formación e a educación”. Neste caso, engade o alcalde, cabe destacar que se trata dunha iniciativa “na que entran en xogo a innovación e o desenvolvemento sustentable como eixes formativos”. O mandatario cervense agradeceu a todos os entes implicados a súa aposta por esta acción formativa “coa que contribúen a incrementar as competencias e os coñecementos de futuros traballadores”.

O proxecto E-IES Marqués de Sargadelos pretende formar a profesionais na innovación sustentable, é dicir, achegarlles os coñecementos necesarios para compatibilizar a modernización co respecto polo medio ambiente e garantindo a sustentabilidade dos recursos. Esta acción está dirixida aos alumnos do ciclo superior de Química Industrial e comezou a desenvolverse este curso nas instalacións do instituto e nas da factoría de Alcoa en San Ciprián combinando teoría e práctica.

Exit mobile version