BEBETO RECIBE A ALTA NO HOSPITAL DA COSTA
Nove días despois do gran susto, o xogador do CD Burela FS Pescados Rubén Alexandro Ribeiro, Bebeto, recibiu esta mañá a alta médica no Hospital da Costa. O brasileiro sufriu un traumatismo torácico, con fracturas costais e neumotórax, nun choque involuntario contra un xogador do Hospitalet Bellsport o 25 de febreiro, en Vista Alegre.
O futbolista laranxa, que saíu do centro hospitalario acompañado polo director deportivo, Marcelo Santoro, con todo o optimismo depositado no seu proceso de recuperación, quixo agradecer “o tratamento recibido polo persoal médico durante esta semana e as mensaxes de ánimo tanto de compañeiros de profesión coma de organismos e afección”. “Todas estas mostras de cariño axudaranme no meu restablecemento”, engadiu Bebeto.
O ala-pivote volverá pasar pola consulta médica o 13 de marzo para control da súa evolución.