Burela, 30 de marzo de 2012. O Concello de Burela uníuse á campaña Gotas para Níger e organizou unha carreira solidaria co fin de conseguir fondos para apoiar a supervivencia infantil en Níger. Á chamada solidaria acudiron 230 persoas.
A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, sinalou que “a campaña Gotas para Níger ten como obxectivo impulsar programas de supervivencia infantil que logren que os nenos e nenas en Níger teñan acceso a unha saúde, hixiene e nutrición axeitadas. Conseguilo é fundamental para que vexan cumprido o seu dereito á supervivencia e desarrollo”. Con este fin a Delegación de Medio Ambiente organizou unha carreira solidaria en colaboración con Unicef.
Na carreira da auga Gotas para Níger, que saiu ás 12 da mañá da escola infantil de Burela, déronse cita 230 persoas. Entre os participantes había 160 alumnos do IES Monte Castelo, 31 do IES Perdouro, 32 persoas da Fundación Eu Son e seis enfermos mentais. A recadación ascendeu a 430 euros que serán enviados a Unicef. Os participantes pagaron un prezo simbólico polo seu dorsal (1 euro, ao seren 230 dorsales foron 230 euros) e a maiores recadáronse 200 euros máis, 100 donados pola Fundación Imdecum e outros 100 de aportacións de particulares. A carreira, que se desenvolveu con éxito, durou arredor dunha hora e 15 minutos.
López Eijo agradece “a participación neste evento e tamén a colaboración dos xogadores do Burela FS, xa que dous estiveron na meta e outros dous no punto ao que se incorporaron os rapaces de Eu Son, e aos profesores e monitores de todos os centros e asociacións que acudiron á nosa chamada solidaria”.