Nota de prensa
Mulleres de San Ciprián
En conmemoración do 8 de marzo, Día internacional da Muller Traballadora
Catro xeracións de mulleres dunha mesma familia reciben o recoñecemento das súas compañeiras en San Ciprián
Neste ocasión, como novidade, a cena de confraternidade que puxo fin aos actos programados no Día da Muller foi unitaria e a ela concorreron socias de Mulleres de San Ciprián e das Espalladoras, que pretenden repetir cada ano esta cita conxunta.
San Ciprián, 9 de marzo de 2012.- Co gallo da celebración do 8 de marzo o colectivo feminino “Mulleres de San Ciprián” quixo recoñecer o traballo de catro xeracións da familia Fernández Casas, ás que poñen como exemplo da evolución do papel da muller ao longo das últimas décadas. Nesta familia concorren ademais tres feitos relevantes: son catro xeracións de mulleres (bisavoa, avoa, nai e filla), son todas elas veciñas de San Ciprián, as catro forman parte da asociación e todas elas foron incorporándose ao longo das súas vida ao mundo laboral, desenvolvendo diversos traballos.
Dolores Baltar Otero é a tataravóa, nacida no lugar de Pedrosa, perto da Península da Paz, fai 92 anos traballou toda a súa vida laboral na agricultura e tamén foi costureira, ademais de dedicarse ao coidado da súa familia e facelo nuns tempos, os da postguerra, moi convulsos na historia do noso país. A súa filla, Antonia Casas, foi sempre unha muller emprendedora: emigrante retornada, traballou no hospital materno infantil en Holanda ata o seu regreso ao noso país onde se dedicou á hostalería, atendendo un bar en San Ciprián. No ámbito social presidiu o colectivo Mulleres de San Ciprián durante 13 anos, foi concelleira electa da agrupación independente de veciños de San Ciprián e presidenta da ANPA do colexio “Mestre Rivera Casás”. As xeracións máis novas teñen en Ana Isabel Fernández Casas, de 43 anos, un referente da muller de hoxe: universitaria traballa como aparelladora desenvolvendo proxectos nunha empresa de construción. É nai de dous fillos, entre eles de Alba Díaz Fernández, de 23 anos, a cuarta muller desta familia, traballa nun comercio de alimentación en Viveiro.
A QUINTA XERACIÓN UN NENO
Como curiosidade, Mulleres de San Ciprián, explica que estas catro xeracións de mulleres teñen a ben contar cun novo integrante -o que sería a quinta xeración da familia- neste caso un neno, Albel Luque Díaz, que conta xa cun ano e medio de idade. O primeiro home primoxénito, despois de catro xeracións de mulleres e a día de hoxe, o centro de atención de todas elas, que non dubidan en prestarlle coidados e cariños.
CENA CONXUNTA DOS COLECTIVOS FEMININOS CERVENSES
No día de onte a presidenta de Mulleres de San Ciprián, Amparo Pernas fixo entrega dun agasallos (placa conmemorativa, ramos de flores e prato da Cerámica de Sargadelos) no domicilio familiar de Dolores Baltar, A bisavoa. Despois todas as asociadas compartiron mesa e mantel nunha cea que, organizada polo colectivo feminino no restaurante Buena Vista da localidade, converteuse nunha gran novidade xa que por primeira vez uniu baixo un mesmo acto a socias das dúas principais asociacións femininas cervenses: Mulleres de San Ciprián e as integrantes do colectivo de mulleres rurais As Espalladoras. Ambas asociacións queren converter esta cita conxunta nunha feito que se repita cada ano e valoran incluso colaborar noutro tipo de actividades.