Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil con actividades lúdicas e contacontos

Cervo celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil con actividades lúdicas e contacontos

-Os actos terán lugar na Biblioteca Pública e comezarán ás 12:00 horas cun xogo de pistas para atopar un tesouro

-A narradora Raquel Queizás ofrecerá un contacontos con monicreques ás 17:00 horas

Cervo, 31 de marzo de 2012-O Concello de Cervo presentou hoxe o programa de actividades deseñado para o próximo día 2 de abril, xornada na que se celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Os actos desenvolveranse na Biblioteca de San Ciprián e comezarán ás 12:00 horas coa actividade “En busca do tesouro”, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos. Nela, os cativos terán a misión de atopar un “tesouro”, para o que irán recollendo as pistas que estarán distribuídas polo edificio da Casa da Cultura e que lles levarán ata o lugar onde se agocha. Ese tesouro é en realidade un agasallo para cada un dos participantes, aínda que os cativos non o saberán ata que o atopen.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar un contacontos a cargo da narradora Raquel Queizás titulado “A maleta da avoa”. Esta actividade está destinada nenos e nenas de a partir de 3 anos e consiste na representación de diversas historias para público infantil co apoio de obxectos e monicreques. As persoas e os cativos interesados en asistir a calquera destes eventos só teñen que achegarse na hora indicada ata a Biblioteca Pública de San Ciprián, situada na Casa da Cultura.

Estas actividades, organizadas pola Concellería de Cultura, “pretenden un achegamento dos máis pequenos aos libros como elementos de diversión e entretemento” explica a edil de Cultura, Tania González, e ao mesmo tempo, “dar ver aos cativos que a Biblioteca é un lugar atractivo ao que poden acudir sempre que queiran e onde poden atopar historias como as que contará o luns Raquel Queizás” remata González.

Exit mobile version