Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebrará o Día da Muller Traballadora con teatro e unha entrega de premios

Nota de prensa

Cervo celebrará o Día da Muller Traballadora con teatro e unha entrega de premios

-As mulleres serán as protagonistas dos actos programados polo Concello para este venres día 9

-O grupo de teatro Ardora de San Ciprián, integrado só por mulleres, interpretará a obra “Nécoras verdes”

-Farase entrega dos premios do campionato de mulleres de Tute e Parchís que remata este xoves

Cervo, 7 de febreiro de 2012-O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe o programa de actos previstos para conmemorar o Día da Muller Traballadora que terán lugar o vindeiro venres 9 de marzo. As actividades desenvolveranse na Casa da Cultura de San Ciprián a partir das 20:30 horas e arrincarán coa representación da obra de teatro “Nécoras verdes” a cargo da agrupación local Ardora, integrado exclusivamente por mulleres. A peza, estreada no mes de setembro neste mesmo lugar, conta a historia dun grupo de mulleres de San Ciprián que se esforzan por saír adiante a pesar das dificultades. Unha obra orixinal de Francisco Piñeiro, dirixida por María Paz Rodríguez e interpretada por unhas cervenses que levan máis de cinco anos subíndose aos escenarios.

Os actos continuarán ao remate da obra teatral, cando terá lugar a entrega de premios do campionato de Tute e Parchís no que participaron preto de 30 mulleres. Un torneo que comezou no mes de febreiro e que remata mañá xoves coa fase final da que sairán as gañadoras. Deste xeito, o goberno local pretende celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora “reivindicando o papel das mulleres na sociedade e na loita pola igualdade total, unha tarefa na que tamén se teñen que implicar os homes” asegura a edil de Igualdade, Pilar Álvarez, que ao mesmo tempo anima a “todos os cervenses a participar nestes actos conmemorativos”.

Exit mobile version