Nota de prensa:
Cervo informou á veciñanza sobre a ampliación da Rede Natura do municipio
-Tres expertos en espazos naturais e conservación da natureza explicaron os detalles do incremento de superficie protexida
-O Concello solicitou a rebaixa da superficie afectada pola rede ata os niveis da media dos concellos galegos
No acto estiveron presentes Rogelio Fernández, subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Xunta de Galicia; Antonio Callejo, xefe do Servizo de Conservación da Natureza na delegación da Xunta en Lugo; Javier Ferreiro, membro do equipo redactor; o alcalde, Alfonso Villares e os deputados populares Emma Álvarez e José Manuel Balseiro. Un acto que tiña como finalidade explicar a proposta de ampliación dos espazos naturais protexidos dentro do municipio de Cervo, as novas zonas que se incluirán na Rede Natura ou aclarar as dúbidas ao redor desta iniciativa europea.
O Concello xa manifestou a súa postura en relación á proposta de incremento das áreas protexidas. A través dun acordo adoptado en Xunta de Goberno, o goberno local solicitoulle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que revise a superficie que se pretende ampliar, entre a que se atopa a Serra do Xistral, co obxectivo de reducir a incidencia da Rede Natura no municipio. En todo caso, a administración local pide que as áreas de espazos naturais protexidos non superen a media existente nos concellos de Galicia. “Dende o goberno local estamos de acordo coa normativa europea que defende a preservación do medio ambiente e a utilización racional dos recursos naturais, por iso só pedimos que a incidencia da Rede Natura en Cervo sexa similar á que existe no resto de concellos galegos”, explica Alfonso Villares.