Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde denuncia recortes no Hospital da Costa e a supresión da dieta do acompañante de pediatría

Dende CIG saúde queremos denunciar recortes que estamos a sufrir no Hospital da Costa, explotando unha vez máis o argumento da “crise”, e que afectan de maneira moi significativa á atención asistencial dos nosos pacientes.

En concreto imos referirnos á SUPRESIÓN DA DIETA DO ACOMPAÑANTE NO SERVIZO DE PEDIATRÍA, un recorte posto en marcha por esta Dirección dende o 1 de Febreiro de 2012.

A figura do acompañante ten un valor importantísimo, e máis cando se trata da hospitalización dun neno, situación que xenera un grande impacto emocional tanto para él como para a súa familia.

A separación do seu ambiente familiar fai que o neno experimente serias manifestacións que se traducen en inquietude, irritabilidade, alteracións do apetito e sono, regresión emocional e de conduta, ocasionando alteracións na adaptación do neno ao ambiente hospitalario, que poden xerar un aumento do tempo de hospitalización.

Todo isto se pode minorar coa presenza dos pais durante o proceso de hospitalización, xa que estes participan activamente no coidado do neno durante a súa estanza hospitalaria.

Esta é unha medida que non achega ningún beneficio dende o punto de vista da eficacia, eficiencia e efectividade ( palabras que soan moito polo noso hospital dende os órganos xestores)

Debemos recordar que a Unidade de Pediatría dispón de 8 camas, é dicir, que cando a ocupación é do 100% estaríamos a falar dun máximo de oito dietas , ¿acaso a supresión desas dietas supón un aforro significativo? Claramente non. O aforro é ridículo, mentres que o dano que estas medidas ocasionan é de gran importancia.

Dende 1986 a Comunidade Europea recoñeceu oficialmente a participación da nai no coidado do neno hospitalizado, facilitando medidas hixienico-dietéticas e de confort aos acompañantes.

Lamentamos que a Dirección do noso Hospital tomara a decisión de suprimir a dieta do acompañante, obrigándoo a ter que abandonar ó neno para acudir a comer ou a pasar sen comer. Dadas as particularidades do servizo de Pediatría dende o punto de vista arquitectónico, con cuartos individuais e pechados, resulta imposible a vixianza destes nenos ou lactantes por parte do escaso persoal de enfermaría, que dende fai un ano foi reducido por esta dirección de forma drástica, existindo turnos nos que só queda unha persoa para todo o servizo.

Dende a CIG Saúde RECHAZAMOS ENÉRXICAMENTE que a Dirección do noso hospital aplique estas ridículas e prexudiciais medidas de aforro, e ESIXIMOS A INMEDIATA restitución da dieta do acompañante pediátrico.

Remitido

Exit mobile version