Site icon Crónica3.com A Mariña

Con motivo do Día Internacional das Mulleres o Observatorio homenaxea ás mariscadoras de Rinlo

Nota de prensa

Con motivo do Día Internacional das Mulleres o Observatorio homenaxea ás mariscadoras de Rinlo

A homenaxe terá lugar o próximo sábado día 10 de marzo, ás 18.00h, na Escola de Rinlo

O próximo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Observatorio celebrará o seu cuarto aniversario de andaina feminista pola Mariña de Lugo. Nestes catro anos de traballo, leváronse a cabo numerosas actividades nas distintas localidades mariñás, sempre pensadas en prol da igualdade. Charlas café desde un punto de vista de xénero sobre temas de actualidade, video-forums para coñecer a situación das mulleres doutras culturas e para visibilizar o traballo das directoras de cinema, campaña e proxectos cos IES mariñás para previr a violencia de xénero no alumnado de secundaria, cursos de fotografía dixital,o concerto Músicas e letras en feminino, para valorar o traballo das artistas da zona, diversas campañas informativas, denuncias públicas, etc.

Este ano, para conmemorar ese cuarto aniversario e o Día Internacional das Mulleres, quixemos render unha homenaxe ao traballo das mulleres mariscadoras da nosa zona. O seu é un traballo duro, con riscos e sen horarios, que moitas veces non se valora o suficiente. Un traballo co que as mulleres rinlegas contribuíron durante décadas ao benestar da súa familia, do seu pobo. Para elo, no acto que terá lugar o próximo sábado día 10, ás 18.00h na Escola de Rinlo, contaremos coa presenza de:

-Adela Figueroa, escritora que lles adicará un texto e que se encargará de facer un pequeno recital poético.

-Celsa Sánchez, ilustradora que agasallará ás mariscadora cunha das súas obras

-Pilocha, que se encargará da parte musical do acto cantando un par de pezas.

Ao final do acto haberá un pequeno petisco para todas as persoas asistentes.

Cómpre recordar que durante este mes de marzo o Observatorio está inmerso nunha chea de actividades que comezaron o pasado 1 de marzo coa presentación do libro de Carme Adán “Cartografías do derrubo. Escribir ao xornal”, Casa das Letras de Ribadeo. O acto aproveitouse tamén para facer unha reflexión conxunta sobre xornalismo, política e mulleres.

O martes 6 de marzo o Observatorio participou en Ribadeo, xunto con outros colectivos, na mesa redonda sobre como afecta a crise aos servizos públicos e ás mulleres, acto enmarcado dentro da campaña nacional do 8 de marzo “Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos” que terá o seu punto central na manifestación do domingo 11, ás 12.00h, en Compostela.

O próximo venres día 9 participaremos tamén en Lugo nunha charla sobre a lei de familia e a re-penalización do aborto que terá lugar ás 20.00h no local de A Cova da Terra.

Asimesmo, ao longo do mes de marzo o Observatorio comezará a campaña de información e difusión, por toda a Mariña, da nova normativa que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro sobre o réxime das traballadoras do fogar.

Exit mobile version