Site icon Crónica3.com A Mariña

Ecogaleguistas presenta unha proposta para construír un espazo cooperativo e plural da esquerda nacional

Nota de prensa
Ecogaleguistas presenta unha proposta para construir un espazo cooperativo e plural da esquerda nacional

Con vontade de dialogo e cooperación política con outras forzas da esquerda galega e coa cidadanía o Espazo EcoGaleguistas presentou hoxe o documento ‘construir un espazo cooperativo e plural da esquerda nacional’ ( axuntamos documento integro ).

O documento que foi xa remitido aos partidos e colectivos que amosaron o seu interes en construir ese espazo común ( EI, +G, EN, PNG-PG e MNG ), pretende fixar a posición aberta sobre a que os Ecogaleguistas pretenden dialogar e debater cara a consecución dun  proxecto común alternativo. Non se trata de elementos de negociación ou principismos irrenunciables senón elementos para o dialogo bilateral e multilateral con outros colectivos e persoas interesadas no proceso.

Segundo Ecogaleguistas non se pode construír o novo referente sen ter en  contas as demandas da cidadanía, que levaron á mesma a un afastamento da política, e sen poñer en marcha desde o principio novas formas de facer política que supoña un reencontro desa cidadanía desafectada cos partidos.
A construción dun novo espazo plural e aberto ten que formatearse como cooperativa política e de debate cultural de ideas, en ningun caso como compartimentos estanco competitivos alleos as demandas as necesidades das cidadás e cidadáns.

Para Espazo Ecogaleguista este proceso so ten razón de ser si se asenta na cidadanía organizada nos movementos sociais ou nos novisimos movementos sociais. Nese senso o proceso Ecogaleguistas segue aberto e a intención é que os colectivos sociais e profesionais participen no encontro de ideas que celebrarán o 14 de abril para desenvolver propostas programáticas.

Documento integro

CONSTRUÍR UN ESPAZO COOPERATIVO E PLURAL DA ESQUERDA NACIONAL
Dixemos desde o primeiro momento que Ecogaleguistas vén a sumar (novos
elementos ausentes na axenda política) e non a restar.
Conscientes da situación de perda de dereitos individuais e colectivos na que
estamos, o punto 5 do noso decálogo fundacional asume como tarefa central:
“Construír a alternativa antimonopolista. A necesidade de que a diversidade social
se exprese tamén na imprescindible pluralidade política non implica obrigatoriamente
afondar nas divisións e enfrontamentos. Abonda con renunciar ao dogmatismo e ao
sectarismo para construír un partido dialogante e con afán unitario que se sitúa
unicamente en contra das políticas que favorecen ao 1% que acumulan riquezas e
beneficios fronte ao 99% que vive, e en moitas ocasións malvive, do seu traballo e da
súa creatividade. A difícil situación que vive a grande maioría das persoas e ameaza o
conxunto do noso país esixe grandes doses de xenerosidade. O novo partido
traballará para formalizar alianzas políticas estratéxicas estables, coalicións electorais
arredor dun programa común e acordos de goberno que vaian en favor da maioría e
en contra dos monopolios desde o respecto á pluralidade e sen ambicións de
predominio.”
Sumando sinerxías:
alianza nacional, avinza a favor do ben común e das redes
Ademais Ecogaleguistas vai conducir o seu proceso de constitución nun marco
caracterizado por unha importante mobilización social en contra dos recortes das
conquistas sociais e mais a construción dun novo espazo político-electoral amplo da
esquerda galega, dous aspectos que van ter que ser abordados de xeito
complementario.
Deste xeito, o encontro de Espazo Ecogaleguista celebrado o pasado 25 de febreiro
acordou:
– Abordar a construción dun novo proxecto común da esquerda nacional, labor que
vai ter que ser abordado paralelamente desde un necesario encontro cívico por
abaixo e á vez por reunións e diálogo entre as forzas políticas interesadas en
participar.
– Para Espazo Ecogaleguista non se trata de reflotar experiencias fracasadas
sustentadas en partidos hexemónicos ou compartimentos estancos, senón
configurar un espazo cooperativo, plural e aberto onde o debate de ideas sexa
cultural, con vontade de síntese, e non ideolóxico e de carácter pechado.
Algunhas cuestións referentes ao modelo:
– A construción dun novo espazo plural da esquerda galega debe formatearse como
unha cooperativa política, baseada na colaboración política e a síntese cultural de
ideas.
– Construír un espazo novo, non herdeiro de ninguén. Aínda que é certo que a
maior parte da militancia organizada que poida confluír nese novo proxecto vén do
BNG, non é menos certo que existe unha potencialidade cidadá externa aos actuais
partidos políticos que foi afastándose da militancia que, mesmo na última etapa,
deixou de votar ás organizacións existentes da esquerda. Cómpre construír o novo
espazo pensando neses activistas sociais e votantes desencantados da política,
facendo un esforzo para que retomen o compromiso e o voto proactivo.
– Superar modelos fracasados. Nin o frontismo, tal como foi concibido na última
etapa, construído arredor de compartimentos estancos, competitivos na busca da
hexemonía, nin os partidos clásicos con correntes no seu seo co único papel de
situar os seus dirixentes en postos clave e que renuncian ao seu carácter crítico,
son modelos a seguir. Existen modelos novos de cooperativismo político, alianzas
pluripartidistas e cívicas, e mesmo partidos de novo formato, que permiten asumir
de xeito construtivo a dialéctica entre unidade e pluralidade.
– Facer visible o novo. Os principios políticos, a estrutura e mesmo a imaxe
corporativa do novo proxecto común ten que ser atractiva, conectar coas novas
demandas cidadáns e facer visible o novo para deixar de seguir tendo o caduco
como referente e guía de pensamento e acción política. A radicalidade democrática
e o rexeitamento da corrupción política, a defensa do ben común, a
sustentabilidade ecolóxica, a xustiza global e a paz teñen que ser o mascarón de
proa do novo proxecto.
– O seu carácter nacional. Un proxecto que sitúe o seu eixo de actuación en Galicia
e na defensa dos seus intereses colectivos, pero que aborde esta cuestión coa
necesaria amplitude que permita incorporar a sectores con conciencia nacional e
galeguista, pero que non necesariamente se definan como nacionalistas no
ideolóxico. Un proxecto amplo no que teñan cabida posicións diferentes de abordar
o autogoberno nunha síntese programática acorde ao momento que hoxe estamos
a vivir, que é de defensa dos intereses nacionais nun proceso marcado pola
recentralización política.
– Conexión coa cidadanía organizada. O espazo común ten que estar ao servizo
da cidadanía de xeito transversal, no apoio das súas demandas e na canalización
institucional das mesmas. Non debe partir do modelo dirixista onde existe unha
estratexia concibida e onde as organizacións sociais son correas de transmisión ao
servizo desa estratexia. O novo proxecto debe acompañar a sociedade civil auto
organizada respectando a súa autonomía e a súa pluralidade política e organizativa
sen impoñer referentes únicos nas organizacións sociais, cívicas ou sindicais.
– Novas formas de participación e intervención cidadá. Se algo puxo enriba da
mesa o movemento 15-M, non foi tanto a falla de propostas programáticas por parte
dos partidos, senón a desafección coas súas formas de facer política: control dos
movementos, permanencias nos cargos, falla de transparencia e participación nas
decisións… É importante que o novo proxecto plasme novos estilos de facer política
desde o inicio: eleccións primarias das candidaturas, listas desbloqueadas,
limitacións de mandatos, rexeitamento de determinados privilexios económicos…
Ademais, o proxecto ten que sustentarse nas persoas, non nos colectivos
organizados que o poidan configurar.
– Colaboración para construír unha nova hexemonía social e unha nova maioría
electoral. Diante da difícil situación que vive o noso pobo e as súas xentes,
Ecogaleguistas está aberto a relacións de avinza con tódalas forzas políticas e
sociais que, sen estaren neste proxecto común, traballen a prol de frear as políticas
económicas dos monopolios e despracen a hexemonía da dereita política.
Algunhas cuestións referidas ao proceso:
– Proceso de entendemento e interlocución. Cómpre que este proceso vaia
acompasado a dous niveis: construción desde abaixo e interlocución dos colectivos
políticos interesados.
– Elaborar unha folla de ruta. Hai dous perigos que poderían crear malos
entendidos e estragar o procesos: o unilateralismo e a duplicidade de
convocatorias. Debemos, entre as partes, fixar un calendario común en réxime de
auto convocatoria que permita que ninguén se sinta incómodo, por unha banda, e
que non duplique as reunións locais ou comarcais, pola outra.
– Creación de espazos comúns a nivel nacional para desenvolver aspectos
técnicos, políticos e programáticos do novo proxecto.
– Espazos de interlocución coa sociedade civil. Cómpre rachar os receos, lóxicos
e fundados, que as organizacións da sociedade civil teñen cara aos partidos. A
dinámica da construción dun novo referente precisa da implicación da sociedade
civil, polo que é imprescindible convocar reunións sectoriais con colectivos e
organizacións cidadás. Ecogaleguistas convidará a participar ás mesmas na
elaboración programática arredor do seu encontro do 14-A e posteriormente creará
mecanismos cívicos de control e asesoramento no futuro partido.
– Elaboración dun calendario con diversas fases que conxugue a necesidade de
madurar certos aspectos coa “urxencia” da proximidade das eleccións autonómicas.
Antes do verán debería estar claro o nome e o formato con que este novo espazo
concorre a estes comicios.

Exit mobile version