Nunha sociedade metida nun túnel no que non se achega claridade ningunha, o fútbol pode ser un alivio, aínda que poucos poden acceder a un partido da Champions con prezos entre 60 e 220 euros. Pero a xente distráese, e falar de fútbol estaría ben, pero é que ultimamente ocupa moito máis espazo -demasiado- os nomes dos adestradores do Real Madrid e da Barcelona. O primeiro, que se piropea a si mesmo máis que un congreso de avoas, fai que moitos pensen que se pode ir ao final da tempada a un equipo inglés; o segundo leva meses pensándose se rematou o seu ciclo no Barça, e ten pendentes dun fío a directivos, xogadores e seguidores. Ambos compórtanse coma se os deuses os tivesen distinguido entre os mortais, cando non se erixen en deuses posuídos de poderes ultra terreais. Mourinho trata a todo o mundo con fachendosa displicencia, coma se o Real Madrid non tivese gañado nove copas de Europa e unha vintena de ligas antes de que chegase el, o mesías prometido. Guardiola é como un Lama que posúe o segredo do fútbol de pase curto, coma se antes non tivesen existido Frank Rijkaard ou Luís Aragonés, e antes aínda o gran Brasil de Zagallo. Enriba de que é un insulto alardear deses soldos multimillonarios nun país onde cada día é un drama social, estes señores fanse os duros para que lles saquen o sombreiro, un tratando de provocar que o Bernabéu o aclame nun grande acto de submisión, o outro facendo que supliquen os xogadores, preguen os directivos e o pida a gritos a afección culé.
Pero son só homes, pode que moi valiosos na súa disciplina, pero non insubstituíbles. O mesmo que os deportistas de elite deben dar exemplo de limpeza e honradez deportiva porque son espello para os máis novos, os que ocupan eses sitiais do éxito e a adoración social tamén deben ser exemplares, e agora mesmo o que están a facer é dando unha deplorable lección de soberbia. E non hai que esquecer que a soberbia, como o ídolo do sono de Nabucodonosor, é de ouro, pero ten os pés de barro.