Site icon Crónica3.com A Mariña

A FRUGA demanda axudas específicas para paliar danos da seca na actividade gandeira

Nota de prensa:
FRUGA DEMANDA UNHA LIÑA DE AXUDAS ESPECÍFICA PARA PALIAR OS DANOS DA SECA NA ACTIVIDADE GANDEIRA
As últimas declaracións de Feijoo semellan máis unha burla que intención de axudar ao
sector gandeiro galego
A situación de escaseza de chuvias está provocando importantes perdas económicas ás
explotacións gandeiras galegas. Este está sendo un dos invernos máis secos dos últimos
cincuenta anos polo que xa comeza a ser alarmante e, á espera do que poida acontecer na
primavera, a falta de chuvias está sendo a día de hoxe unha nova dificultade que suma o sector.
Neste contexto, o presidente Núñez Feijoo fixo onte unhas declaracións onde manifestaba a
intención da Xunta de Galiza de “axilizar as axudas aos gandeiros para buscar liquidez”, e de
“establecer un mecanismo de coordinación co ministerio” para tal fin. Isto, desde a Federación
Rural Galega-FRUGA, parécenos máis unha broma de mal gusto que unha declaración de
intencións da Xunta para verdadeiramente axudar aos titulares das explotacións gandeiras.
O Sr. Feijoo debería ter claro que tratar de axilizar as axudas que lle corresponden aos gandeiros
é algo que sempre ten que ter en mente, e non só de maneira puntual, é dicir, axilizar as axudas
sempre, de oficio. Ademais, estas declaracións chegan nun momento que as demostran valeiras
de contido, agora mesmo están cobradas practicamente a totalidade das axudas da PAC 2011 e
aínda non se comezaron a tramitar as da PAC 2012.
O que esta Xunta debería facer para facer fronte ás perdas económicas provocadas pola seca, é
sacar de urxencia unha liña de axudas directas para paliar os seus danos e deixar de “vendernos”
como un logro na súa xestión algo que non é tal.
Con respecto á posición que Núñez Feijoo pensa que debe ter a Xunta de Galiza ante o Ministerio
de Medio Rural e Mariño, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, pensamos que, máis que de
coordinarse, debera ser unha postura de negociación en función dos intereses de Galiza e deixar
de tratar de ser o “pelota” de entre os presidentes das comunidades autónomas gobernadas polo
Partido Popular para así gañar puntos ante o PP madrileño

Exit mobile version