Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova rexeita a reforma laboral e inicia asembleas para informar o estudantado da Mariña

Nota de prensa:

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, da comarca da Mariña poñémonos en contacto co seu medio para achegar a nosa oposición á reforma laboral que vén de aprobar o novo Goberno do PP e anunciar os actos que desenvolverá a nosa organización na comarca da Mariña arredor desta reforma.

Galiza Nova non pode concordar con esta reforma por estar feita ao servizo dos intereses da patronal e tratarse dunha normativa “extremadamente agresiva” cas traballadoras e traballadores, tal e como xa anunciara o Ministro de Economía Luís De Guindos.

Deste xeito, co fin de achegar a nosa oposición a esta reforma e as alternativas que o nacionalismo achega, Galiza Nova da Mariña vén de convocar varias Asembleas Abertas en moitos dos centros de ensino da Mariña. Estas Asembleas abertas comezarán mañá, venres día 9, nos institutos de Ribadeo e Burela.

Na semana seguinte, o venres día 16, terán lugar as Asembleas Abertas dos institutos de Mondoñedo e Burela. Para acabar o venres día 23 nos institutos de Cervo e Foz.

Nestas Asembleas Abertas, Galiza Nova da Mariña, explicará aos alumnos da ESO e do Bacharelato, así como aos estudantes dos Ciclos de Formación Profesional, que esta reforma confirma a continuidade do novo Goberno do PP coa liña, xa fixada polo anterior goberno do PSOE, de obediencia aos dictados da UE, empeñada en medidas económicas de axustes e recortes que prexudican ás maiorías sociais, que son as que están a pagar as consecuencias desta crise económica.

Cremos que esta lei, como todas as anteriores, non servirá para crear emprego. Só contribuirá a precarizar aínda máis, o mercado de traballo, abaratar os despedimentos, abaratar os custes empresariais, rematar cos convenios colectivos e destruír os dereitos laborais polos que houbo que loitar durante décadas.

Galiza Nova, ao igual que fixo desde o comezo desta crise, oporase activamente a esta reforma e participará da contestación social defendendo os dereitos laborais das traballadoras e traballadores galegos e o futuro da mocidade galega.

Por iso, Galiza Nova da Mariña desenvolverá unha campaña defendendo que existen alternativas reais para saír desta crise económica. Políticas que non pasen por trasladar os custos da crise ás maiorías sociais mediante recortes de dereitos e que garantan o dereito da mocidade galega a un emprego digno e na Terra, sobre a base do desenvolvemento do tecido produtivo da nosa nación.

Exit mobile version