Site icon Crónica3.com A Mariña

Informa o PP que o Parlamento pídelle á Xunta que solicite revisar a Lei de Costas

Nota de prensa:

“Trátase dunha solicitude responsable, coherente e necesaria, que permitirá corrixir arbitrariedades que presenta esta norma e protexer os dereitos das persoas”, afirmou Jose Manuel Balseiro

O PARLAMENTO APOIOU A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA REVISAR A LEI DE COSTAS E DAR ASÍ SOLUCIÓN Á SITUACIÓN DOS NÚCLEOS DO LITORAL

“A chegada do Partido Popular ao Goberno central supuxo un cambio radical na busca de solucións a estes problemas xerados coa Lei de Costas, fronte ao inmobilismo e o mantemento de situacións inxustas do anterior Goberno socialista”

Santiago, 06 de marzo de 2012.- O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular a través da que se demanda á Xunta de Galicia para que se dirixa ao Goberno central ao obxecto de que na reforma da Lei de Costas anunciada por este departamento se proceda ao recoñecemento dos núcleos rurais tradicionais do sistema de asentamentos mariñeiros, que hoxe están a verse afectados pola normativa restritiva sobre deslindes. “Trátase dunha solicitude responsable, coherente e necesaria, que permitirá corrixir arbitrariedades que presenta a Lei de Costas e protexer os dereitos das persoas”, sinalou Jose Manuel Balseiro.

O deputado popular sinalou que esta reforma da Lei de Costas “daría solución a dúas problemáticas existentes no litoral galego: o non recoñecemento da singularidade do sistema de asentos tradicionais de Galicia e a aplicación maximalista dos principios da Lei de Costas, que usurparon dereitos a moitas familias que actuaron de boa fe e se viron prexudicados por unha mala interpretación desta norma”.

“A chegada do Partido Popular ao Goberno central supuxo un cambio radical na busca de solucións a estes problemas xerados coa Lei de Costas, fronte ao inmobilismo e o mantemento de situacións inxustas do anterior Goberno socialista”, sinalou Balseiro. Neste sentido, anotou que “este novo tempo político abre unha porta á esperanza para moitas persoas e familias afectadas en Galicia pola Lei de Costas e que levan moito tempo loitando pola súa modificación”.

REVISIÓN NECESARIA DA LEI DE COSTAS

O deputado popular puntualizou que “a estas alturas xa ninguén dubida que a Lei de Costas de 1988 necesita unha revisión”. “Poderíamos cuantificar nun 80 ou 85 por cento desta lei que sigue vixente, pero é preciso actualizar e modificar ese outro 15 ou 20 por cento de apartados que xeran inseguridade, efectos perversos, inxustizas ou vulneración de dereitos fundamentais”, indicou.

Balseiro explicou que a iniciativa aprobada na Cámara lexislativa galega “pretende trasladar unha mensaxe deste Parlamento ao Goberno do Estado sobre a necesidade de reforma da Lei de Costas, partindo da proposición non de lei xa aprobada o pasado 2010”. Máis en concreto, o obxectivo desta reforma sería o recoñecemento dos núcleos rurais tradicionais, outorgar maior seguridade xurídica e garantías aos cidadáns con vivendas amparadas en licenzas de obra ou simplificar trámites para a modificación de deslindes.

Exit mobile version