Site icon Crónica3.com A Mariña

Non hai ninguén en Viveiro que vaia saír beneficiado coa reforma laboral presentada polo PP, explica o BNG local

Nota de prensa

Bernardo Fraga afirma que “non hai ninguén en Viveiro que vaia saír beneficiado coa Reforma Laboral presentada polo Partido Popular”

Os nacionalistas pedirán o apoio do pleno da corporación para rexeitar esta medida por inxusta e inútil para activar o mercado laboral e dinamizar a economía.

Viveiro, 8 de marzo de 2012. O BNG de Viveiro levará ao pleno municipal unha iniciativa rexeitando o Real Decreto Lei 3/2012 de Medidas Urxentes para a reforma do mercado laboral por considerala inxusta, inútil para activar o mercado laboral e sen ningún beneficio para o conxunto do tecido socioeconómico do noso concello. O portavoz nacionalista, Bernardo Fraga Galdo aclarou que “hai quen está aproveitando a crise económica para desmantelar os dereitos sociais e laborais das maiorías sociais en beneficio dos mercados e da gran patronal, renunciando ao mesmo tempo a incentivar a economía que é o que agora se precisa”.

Ninguén en Viveiro sairá beneficiado coa reforma laboral proposta polo PP

O portavoz do Grupo Municial do BNG e Tte. de alcalde, Bernardo Fraga Galdo, explicou que a reforma laboral presentada polo PP non so é “agresiva” como anunciou o ministro de economía, “é demoledora contra os dereitos laborais e económicos das clases asalariadas”; segundo Fraga nun concello como Viveiro cun tecido socioeconómico formado maioritariamente por pequenas e medianas empresas, comercio e hostalería, “ninguén sae beneficiado” xa que a curto e medio prazo agárdase un incremento do desemprego e as baixadas do poder adquisitivo non farán mais que repercutir no conxunto da actividade económica cunha nova caída do consumo.

A experiencia demostra que as reformas laborais non axudan a reactivar o mercado laboral

Bernardo Fraga puxo como exemplo a anterior reforma laboral aprobada polo PSOE que non so non reactivou o mercado laboral senón que incrementou as taxas de desemprego, “a que agora presenta o PP non fai que dar a puntada final sobre os dereitos sociais e económicos dos asalariados”. E evidente, explicou, “que si houbera un mercado laboral tan ríxido como din, non habería as taxas de desemprego que temos”. O nacionalista incidiu en que estas medidas compleméntanse coa ausencia de estímulos á actividade económica e aos recortes nos servizos sociais, educativos ou sanitarios que agravan sumamente a situación.

Supresión da Reforma Laboral, mellora das relacións laborais negociada cos representantes sindicais e estímulo da economía para a xeración de emprego.

A proposta que o BNG leva a pleno pasa pola supresión da reforma laboral, por acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais, que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa medidas de estímulo da economía para a xeración de emprego de xeito inmediato. Fraga ademais engadiu que no eido económico os nacionalistas defenden medidas como a creación dunha banca pública que abra a billa do crédito, unha reforma fiscal que faga pagar mais a quen mais ten, control do fraude fiscal, redución dos gastos militares ou supresión das deputacións e dos ministerios que invaden competencias do goberno galego

Ademais o Bloque Nacionalista Galego, organiza mañá ás 20.30 horas, unha charla no Conservatorio de Música de Viveiro, baixo o título “Crise e reforma laboral dende unha perspectiva de xénero”.

Exit mobile version