Nota de prensa
ESTOA PIDE O APOIO PARA A FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO
As políticas dos populares na Xunta e no Estado condenan aos concellos rurais a perder servizos educativos, sociais e sanitarios
O alcalde de Riotorto chama a converter os concellos en “fortíns contra a crise”
Riotorto, 9 de marzo de 2012. O alcalde de Riotorto, o nacionalita Federico Gutiérrez Estoa, denunciou hoxe a súa oposición á xestión da crise que está a facer o goberno do Estado e da Xunta de Galiza na perspectiva de que nin uns nin outros sitúan como prioridade a creación de emprego e, aínda máis, propoñen como alternativas para saír da situación actual medidas como a reforma laboral que tal e como se ten verificado, veñen converténdose en auténticas máquinas de crear desempregados.
“Ninguén está á marxe das decisións que en materia de política económica veñen adoptando os populares nas diferentes administracións. Neste sentido, alén do que temos comentado no referido á política laboral, unha política laboral que reduce dereitos, significa perda de poder adquisitivo e envía poboación activa ao paro, é necesario que desde os concellos teñamos claro que as políticas de recorte de déficit público que o goberno central carga ás autonomías vai implicar un deterioro no que é a prestación dos servizos públicos. É necesario que pensemos que son as autonomías as que soportan o groso do gasto corrente e, fundamentalmente, o gasto sanitario, educativo e en servizos sociais, polo tanto a súa marxe de recorte fica limitado a estes tres ámbitos. Nós non temos dúbida algunha que o correlato do tesoirazo que vai aplicar Feijóo vai ter consecuencias dramáticas no noso concello, tamén noutros, concretamente no que ten a ver cos servizos públicos” – afirmou Estoa, quen comprometeu o compromiso do concello que el preside “en garantir na medida das posibilidades orzamentarias o que son os servizos esenciais para os nosos veciños e veciñas”.
O nacionalista Estoa continuou indicando que “a constatación práctica tanto das políticas fiscais como das políticas orzamentarias, é sabido que a Lei Xeral Orzamentaria é unha auténtica camisa de forza para o conxunto das administracións locais, van levar a que o escenario en boa parte dos concellos da Mariña e das comarcas de Lugo, nomeadamente aqueles con menor poboación, sexa o do feche de centros escolares, médicos, e por suposto de servizos á infancia e á terceira idade. Non deixa de ser preocupante no referido aos nosos maiores os recortes que xa o pasado ano executou a Xunta en materia de axuda a domicilio, que no caso dos concellos de Lugo situouse na media de preto do 75 %. Outro tanto acontece coa planificación que a Xunta de Galiza está a facer do mapa de residencias de maiores, onde se marxina e se discriminan aquelas zonas do noso territorio cunha poboación máis avellentada, a Galiza interior, en oposición ao claro favorecemento á Galiza Atlántica”.
“É momento de mobilización e loita” – afirmou Estoa, quen indicou que “é a rúa o lugar onde podemos paralizar as políticas do PP. Non sería esta a primeira vez na que o pobo foi quen de facer recuar a un goberno con maioría absoluta en cuestións de política económica, algo que debería coñecer ben o señor Rajoy na súa condición de exministro de Aznar. Ao mesmo tempo que convertemos aos concellos en fortíns contra estas políticas económicas que van na dirección oposta ao que precisan as maiorías sociais, é necesario estar na rúa ao lado do conxunto dos sectores agredidos por esta política económica, e nese sentido a miña presenza e apoio á folga xeral do día 29 de marzo vai ser activa, posto que o 29 non nos xogamos só unha ou outra política laboral, senón que o 29 está en xogo abrir as portas a unha nova xestión da crise que non faga pagar a factura da mesma ás clases traballadoras”.