Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao goberno de Cervo de ter secuestrada a información do asunto que se presentou como urxente no pleno previsto para o xoves 29 ao que só acudiu o PP

O goberno municipal fía agora a recuperación económica do concello na estabilidade orzamentaria e na recuperación do remanente de tesourería que desprezou durante os últimos 10 anos con resultados negativos que chegaron a 1,7 millóns de euros no 2008.

A eliminación de inmediato do custe da asesora Pilar Armada equivale ao ingreso previsto nos próximos 4 anos en 4 das 8 medidas previstas no Plan de Axuste, entre elas o cobro dunha taxa polo P.A.I.

Estúa lémbralle ao PP o malgasto económico ao que se lanzou na época do ladrillo do que quedaron herdanzas como os 1,3 millóns de euros incobrables de Pasillo Verde.

Cervo, 29 de marzo de 2011. O BNG acusou ao goberno municipal de opacidade no plan de axuste derivado do RD Lei 4/2012 para o pago de débedas pendentes con provedores da entidade local. Os nacionalistas acusan ao goberno municipal de ter secuestrada a información do asunto que se presentou como urxente no pleno previsto para o xoves 29 ao que so acudiu o PP ao negarse a cambiar a data por coincidir coa folga xeral convocada para ese día. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, afirmou que o PP é responsábel da situación económica do concello despois de 12 anos no goberno local nos que, incluso en época de bonanza económica, inflaba os orzamentos e gastaba a maos cheas co resultado de remanentes de tesourería negativos consecutivos e débedas sen cobrar como os 1,3 millóns que non pagou a inmobiliaria Pasillo Verde. O nacionalista afirmou que o Plan contempla 11 medidas, 8 para incrementar os ingresos e 3 para redución do gasto, consideran indecente que se manteña o posto de asesora como persoal de confianza da exconcelleira Pilar Armada ate 2015 cun gasto que equivale a 4 das oitos medidas impositivas previstas no Plan de Axuste ate esa data.

Os nacionalistas consideran indecente que o goberno local non reduza gastos nas retribucións do grupo de goberno e pola contra traslade á cidadanía os custos do Plan de Axuste.

O plan de axuste incluído no RD Lei 4/2012 para o pago de débedas pendentes con provedores da entidade local que suman un total de 731.125,37 euros en facturas con datas que van dende o ano 1998 ao 2012, aprobado en solitario polo PP nun pleno ao que non asistiu a oposición municipal por coincidir coa Folga Xeral, segundo a valoración do portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa que o recibiu ás 14.30hrs. de onte, “supón cargar sobre a cidadanía os custes da mala xestión económica do PP dos últimos 10 anos sen que eles asuman absolutamente nada”. O nacionalista explicou que no plan inclúense 11 medidas, 8 de carácter para incrementar os ingresos e 3 para redución de gastos: 4 das medidas de carácter recadatorio xa están en aplicación, a suba do IBI de Urbana cun incremento do 10%, a suba do servizo de abastecemento de auga e saneamento cun incremento do 40%, a suba do IVTM nun 1,8% e as taxas pola venda no mercado semanal de San Cibrao. As outras 4 medidas que o goberno municipal pretende por en funcionamento a partir de 2013 serán o cobro polo servizo do Punto de Atención Infantil(PAI), a taxa por expedición de documentos e dúas medidas non impositivas de mellora e reforzo dos procesos recadatorios.

Nas 3 medidas re redución do gasto preténdese levar a cabo unha diminución no gasto de persoal de 40.000 euros no 2012 e 60.000 no 2013, a redución do persoal de confianza, coa eliminación no 2015 do posto de aseora que desempeña actualmente a exconcelleira Pilar Armada de 20.908 euros e a redución dos custes nos contratos menores de 10.000 euros no 2013 e 15.000 no 2015.

Para Estúa, “é indecente que o goberno local traslade á cidadanía a xestión o custe da mala xestión económica do goberno municipal do PP sen que a eles lles supoña ningún custe nas súas retribucións”. O nacionalista puxo como exemplo que a eliminación inmediata do posto de asesora suporía un aforro equivalente ao ingreso previsto en 4 das 8 medidas previstas de carácter impositivo de aquí ao 2015 nun importe de 83.000 euros, ademais lembrou que no concello de Cervo, con menos de 5.000 habitantes, a cidadanía soporta os gasto de 1 dedicación exclusiva e tres parciais mais o cobro de dúas concelleiras por asistencias a Xuntas de Goberno a 150 euros a sesión, “Estúa cualificou de sangrante esta situación e moito mais cando vemos como as sesións das Xuntas de goberno multiplícanse por dous en relación ás previsións iniciais”

O PP fía agora a recuperación económica na estabilidade orzamentaria e na recuperación do remanente de tesourería que desprezou durante os últimos 10 anos aínda en época de bonanza económica.

O discurso do goberno municipal “é sorprendente”, afirmou Estúa, ao pretender agora a obtención de remanentes de tesourería positivos, o nacionalista comparte co goberno local que magnitude é unha das mellores medidas da saúde económica dun concello, pero xa o era antes e lembrou que nos últimos 10 anos os remanentes foron negativos (ano 2002 -754.000, ano 2003 -1.440.000, ano 2004 -754.000 euros, ano 2005 -1.440.000, ano 2008 -1.700.000, ano 2009 -247. 000) so no ano 2010 a liquidación ofreceu un resultado positivo de 17.000 euros. Estúa criticou que “precisamente nos anos de maior bonanza económica, cando o concello recadaba cuantiosas sumas por licenzas de construción, foran incapaces de estabilizar o orzamento e incluso, lanzados como estaban na febre polo ladrillo, quedaran herdanzas xa dificilmente recuperables como os 1,3 millóns de euros que a desaparcida Pasillo Verde adebeda ao concello.

Remitido

Exit mobile version