Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa de “irresponsable” ao PP por negarse a reclamar a transferencia do porto de San Cibrao a Galiza

Nota de prensa:

MANUEL PARGA ACUSA DE “IRRESPONSÁBEL” AO PP POR NEGARSE A RECLAMAR A TRANSFERENCIA DO PORTO DE SAN CIBRAO A GALIZA

O deputado lamenta que o día no que se volven coñecer os dados do paro, que tan prexudiciais son na comarca, o PP renuncia a que os beneficios do porto, entre 2 e 3 millóns de euros, poidan reverter na comarca

Santiago de Compostela, 2 Marzo 2012.- O deputado do G.P do BNG Manuel Parga cualificou hoxe de “irresponsábel” e “inxustificábel” o voto en contra do Partido Popular a unha iniciativa parlamentar que reclamaba a transferencia a Galiza do porto de San Cibrao.

Manuel Parga advertiu que esta decisión vai ter consecuencias moi negativas na Mariña, é outra “puñalada” a unha comarca que está a padecer especialmente as consecuencias da crise e dos alarmantes dados do paro, que máis unha vez se incrementan de forma preocupante, con continuo peche de empresas, EREs, etc.

“O grande defensor da Mariña, o señor Balseiro –ironizou- fica de novo en evidencia, ao non darlle permiso o seu partido a reclamar algo tan necesario e lóxico para a comarca”.

No debate parlamentar de hoxe, engadiu o deputado nacionalista, volveu pórse de manifesto a campaña do PP de actuar de sucursal do goberno do Estado e non lle esixir nada que priorice os intereses de Galiza e da Mariña, neste caso, aos do Estado.

Neste sentido, lembrou que o porto de San Cibrao xera uns beneficios de entre dous e tres millóns de euros que, de ser transferido a Galiza, poderían reverter na comarca.

Parga lamentou que a actitude belixerante e reivindicativa do PP cando era oposición agora que goberna, tanto na Xunta como no Estado, quedara en nada e reiterou que esta actitude vai ter custes para a Mariña.

O deputado nacionalista defendeu unha emenda á iniciativa rexeitada polo PP e que foi debatida a iniciativa dos socialistas, apostando pola modificación do Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, a fin de aumentar a presenza luguesa no mesmo mentres non se cree a autoridade portuaria propia.

Asemade, o parlamentar consideraba necesario emprender accións para abrir ao tráfico comercial o dique norte do porto de San Cibrao.

Exit mobile version