Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG analiza en Foz a crise na Mariña

Nota de prensa:

ECONOMISTAS, DESEMPREGADOS E TRABALLADORES PÚBLICOS ANALIZAN EN FOZ A CRISE NA MARIÑA

Os nacionalistas demandan un cambio na política económica que favoreza a creación de emprego

A Mariña, 21 de marzo de 2012. A Casa da Cultura de Foz acolleu, na tarde de hoxe, un acto no que tomaron parte Xan Carlos Basanta, portavoz municipal do BNG; Bernardo Valdés, profesor de estrutura económica da USC; Raquel Vieites, traballadora do consorcio de Servizos Sociais, así como Pedro Loureiro, traballador despedido de Mobles Hermida, e no que analizaron como está a afectar a actual crise económica na Mariña, nomeadamente aspectos como a destrución de emprego e o desmantelamento de Servizos Sociais, aspectos que contribúen á desigualdade e á exclusión social.

O portavoz municipal do BNG, Xan Carlos Basanta afirmou que “os nacionalistas apoiamos de xeito decidido unha mudanza na política económica, xa que soamente cunha política distinta vai ser posíbel crear emprego. Saír da crise sen que esta opere como un elemento que agrave a desigualdade implica a posta en marcha dunhas políticas distintas ás actuais, que sitúen como prioridade a creación de emprego e a protección social das persoas que máis o necesitan. Os nacionalistas en foz imos esixir compromisos claros con estas dúas premisas con parte do conxunto das administracións, e por suposto da administración local. Non é tolerábel a actitude do alcalde de Foz, situado na queixa e na resignación, limitándose a botar balóns fóra pola herdanza recibida, cando o que ten que facer como máximo responsable do concello é dar solucións , poñer enriba da mesa alternativas que por unha banda permitan que Foz sexa un concello con oportunidades para os emprendedores e, por outra banda, non podemos tolerar que o concello actúe como unha ferramenta que agrave aínda máis os problemas de liquidez que teñen cos que se teñen que enfrontar os negocios e os autónomos.

Bernardo Valdés analizou as causas da crise, “unha crise que arranca das políticas neoliberais que se veñen dando desde mediados dos anos setenta e que viviron os seus anos de ouro na primeira década do século XXI; non había outro camiño que esta crise, despois de alimentar a banca, así como a iniciativa privada, co apoio das administracións e unha economía baseada na especulación, do que é un bo espello a burbulla inmobiliaria que tamén se coñece na costa de Lugo. Non é de recibo que os mesmos que provocaron a crise, isto é, a banca e os grandes capitalistas, pretendan agora que a factura dos seus excesos a paguemos o conxunto dos traballadores e traballadoras. Se alguén ten que apertarse o cinto son aqueles que engordaron nos anos dourados, isto é, os especuladores, e non as maiorías sociais, que non recibiron beneficios na etapa anterior, e ós que agora pretenden pasarlles factura.

O profesor da USC indicou que “A Mariña de Lugo vai tardar en recuperarse máis da crise que outras partes do territorio galego, como consecuencia da súa exposición ao ladrillo, así como polo peso que a construción e a promoción tiñan no PIB. A crise está chegando á Mariña e o peor está por vir, como podemos observar o que está sucedendo nas empresas auxiliares de Alcoa”

Pola súa banda, Raquel Vieites amosou a súa preocupación polo futuro do Hospital da Costa e da atención sanitaria na Mariña, pois ninguén cre os seus anuncios de Feijoo en relación coa ampliación do Hospital, posto que o que está a facer o presidente da Xunta é desguazar o Hospital da Costa tanto na redución de persoal especializado como na prestación de servizos até o punto de que o volume de mariñaos que están a ser derivados a Lugo ten aumentado nunha contía considerábel nos últimos tempos como mesmamente recoñecen os propios responsábeis do Sergas. Mesmamente isto tornase máis grave nos tempos presentes se temos en conta que a Xunta suprimiu a dieta de quiilometraxes para desprazamentos de algúns doentes no ámbito de Lugo o que significa outro retroceso nas políticas sanitarias públicas”. “Esta é unha mostra máis de como a crise económica que está á azoutar a Mariña trae consigo o desmantelamento dos servizos sociais”, engadiu Vieites.

Por outro lado, Pedro Loureiro, traballador despedido de Mobles Hermida, fixo fincapé “no que está a sufrir a comarca con esta crise económica ata o punto de que algunha das súas empresas máis emblemáticas se atopan en procesos de ERES de extinción ou de concursos de acredores. A realidade que están a vivir moitas empresas, como foi o caso de Hermida, agocha unha manchea de dramas demográficos, empezando polos despedidos e continuando co efecto que isto está a ter no conxunto do sector terciario. Pero a pesares da contundencia da crise isto non tivo reflexo na actuación da Xunta de Galiza na posta en marcha de ningún Plano de Acompañamento Social que facilite a creación de emprego e que favoreza a reinserción laboral das persoas que, como no meu caso, perdemos o noso emprego”.

Exit mobile version