Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que o plan de axuste de Barreiros é consecuencia da mala xestión municipal realizada nos últimos anos polo PP

O BNG CONSIDERA QUE O PLAN DE AXUSTE DE BARREIROS É CONSECUENCIA DA MALA XESTIÓN MUNICIPAL REALIZADA POLO PP. OS NACIONALISTAS CRITICAN AO ALCALDE POR CONVOCAR PARA O DÍA DA FOLGA XERAL A SESIÓN PLENARIA PARA ABORDAR ESTE ASUNTO.

Barreiros, 30 de marzo de 2012. O BNG considera que o plan de axuste de Barreiros é consecuencia da mala xestión municipal realizada nos últimos anos polo PP. Os nacionalistas inciden en que o momento de sanear a economía municipal era nos anos 2006 e 2007.

Para o BNG de Barreiros non é de recibo a actitude do Partido Popular de Barreiros a respecto das medidas tomadas nos últimos días en relación co Plan de Axuste que pretende aplicar o Concello. Os nacionalistas sinalan que “non é de recibo que para un tema coma éste se impida aos representantes do BNG acudir á sesión plenaria. O alcalde de Barreiros non convocou o pleno ordinario que tiña que ter celebrado o luns pasado e convocou unha sesión extraordinaria e urxente para o día de onte, xornada de folga xeral, á que todos os cargos do BNG anunciaran que ían sumarse ao igual que á manifestación e a propia portavoz municipal así llo tiña trasladado ao Alcalde de Barreiros”. Desde o BNG din que “ademais, a convocatoria foi recibida polo grupo municipal do BNG o mércores ás 19:20 minutos, apenas 24 horas antes da sesión plenaria, convocada para as 19:30 do xoves. Non nos explicamos esta actitude salvo que o que pretenda Alfonso Fuente sexa non explicar a realidade das contas municipais e o que se recolle na documentación non sexa todo o que hai, igual hai algo máis que agochar e a débeda supere os 2.421.892,18 euros que presenta na relación de acreedores.”

A portavoz do BNG, Ana Ermida, considera que este plan de axuste é consecuencia da nefasta xestión realizada ao longo dos últimos anos, “nese plan xustifícase unha importante diminución de persoal xa que, segundo indica o propio plan, considérase que o cadro de persoal do Concello de Barreiros está sobredimensionado para a capacidade económica do municipio, xa que supón un gasto anual non inferior a 1.500.000 euros, o que supón máis do 50% do orzamento municipal”. Ermida engade que “agora preténdense paralizar as contratacións, amortizar prazas, adiantar as xubilacións, incluso se fala de despidos neste mesmo ano. Agardamos que non nos sorprenda o Partido Popular en novas citas eleitorais e volva ao recurrido recurso de contratacións sen sentido, co único fin de comprar votos”.

Os nacionalistas indican que “podemos revisar os orzamentos desde o ano 2006 ata este 2012 e ver como en todas as intervencións do grupo municipal do BNG se advertía de que o goberno municipal estaba hipotecando o futuro do Concello de Barreiros. Que se estaba levando a cabo unha nefasta política de xestión, destinada a beneficiar eleitoralmente ao Partido Popular sen buscar o beneficio das veciñas e dos veciños.” Neste sentido, o BNG pregúntase “¿onde se meteu o diñeiro que se ingresou neste Concello nos anos 2006 e 2007? Uns anos nos que os ingresos municipais en Barreiros foron moi importantes e se dilapidaron en comprar favores sen proveito ningún para o conxunto da cidadanía.”

Os nacionalistas insisten en sinalar que “era nos anos 2006 e 2007 cando había que aproveitar para sanear as contas municipais, anos nos que se ingresaba diñeiro, e podería estarse a día de hoxe cunha situación económica envidiable. Pero Alfonso Fuente preferiu mirar para sí mesmo e para os beneficios do Partido Popular en lugar de priorizar os intereses xerais. E agora atopámonos co Concello con máis débeda por habitante da provincia que nos cargan, unha vez máis, sobre as costas ás veciñas e aos veciños de Barreiros.”
Remitido

Exit mobile version