Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz en contra do plan de axuste presentado polo goberno municipal

O BNG DE FOZ EN CONTRA DO PLAN DE AXUSTE PRESENTADO POLO GOBERNO MUNICIPAL

“O Plan é unha imposición para seguir recortando servizos públicos e beneficiando á banca e as grandes empresas”

Foz, a 31 de marzo de 2012.- O BNG de Foz votou en contra do Plan de Axuste presentado polo goberno municipal en pleno por significar unha hipoteca a longo prazo para o Concello, subindo impostos e taxas, recortando servizos públicos, rebaixando salarios dos empregados/as públicos e eliminando calquera posibilidade de crear emprego.

Para o BNG está claro que o Plan está pensado para que os grandes beneficiarios sexan a banca e as grandes empresas non as pequenas e medianas empresas. Á banca porque farán operacións de crédito a 10 anos cun xuro do 5,5% (ao Concello de Foz suporíalle máis de 600.000 euros de intereses=100 millóns das antigas pesetas) cando o Banco Central Europeo lles acaba de doar un billón de euros ao 1% de interese e ás grandes empresas porque poderán cancelar os seus préstamos bancarios que serán asumidos a través destes plans de axuste polos Concellos, que por outro lado non se lles deixa outra opción invadindo as súas competencias.

O primeiro que chama a atención é desde logo a incapacidade e a irresponsabilidade do grupo de goberno na xestión económica para chegar a xerar unha débeda a provedores, só no ano 2011, de 1.233.365 euros, con 446.000 euros fóra de contabilidade, é dicir, sen créditos orzamentarios. De aí que o BNG volvese a criticar que non se presentaran aínda uns orzamentos a estas alturas de ano adaptados á realidade do Concello de Foz.

O BNG votou en contra deste plan presentado polo alcalde porque está baseado exclusivamente na suba de impostos indirectos que gravan a todos por igual (IBI, taxa da auga, Imposto de vehículos, taxas por escolas deportivas, etc.), recorta salarios dos traballadores/as (redución do complemento de produtividade), conxela a creación de novos empregos cando máis necesarios se fai e anula o investimento público en servizos sociais.

No mesmo pleno o BNG tamén se opuxo á delegación da recadación na Deputación. O Alcalde pretendía que os impostos de IBI, IVTM e IAE (que representan o 93% dos impostos) foran delegados á Deputación cun custe anual para o Concello de 54.322 euros. Para o BNG está proposta mostra a incapacidade e incompetencia deste grupo de goberno en xestionar o Concello e responsabilizarse daquelo para o que se lles elixiu: gobernar. O BNG esixiu do grupo de goberno que fagan funcionar a recadación por vía executiva levando ata as últimas consecuencias o cobro das débedas ( que ascenden a máis de 3.000.000 de euros, a maioría prescritas) e que adianten a recadación dalgún dos tributos a primeiros de ano para resolver a falta de liquidez puntual.

Remitido

Exit mobile version