Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG di que reúne a súa executiva para definir as responsabilidades de cara ao novo periodo

Nota de prensa
O BNG REÚNE A SÚA EXECUTIVA PARA DEFINIR AS RESPONSABILIDADES DE CARA AO NOVO PERIODO

“Nós non imos asistir como espectadores pasivos ao proceso de morte lenta da nosa comarca”

O BNG celebrou na tarde de hoxe unha xuntanza da súa executiva comarcal da Mariña onde se procedeu á reorganización da mesma co reparto das responsabilidades para executar o plan de traballo aprobado na primeira sesión ordinaria do Consello Comarcal da formación. As responsabilidades ficaron do xeito que se enumeran: Antonio Veiga, responsable e portavoz comarcal, Xoán Estúa, vicerresponsable comarcal e secretaría de finanzas, Elvira Arias, secretaría de organización; Susana Riveira, secretaría de Muller; Xusto F. Haro, secretaría de política municipal; Manuel Parga, secretaría de política institucional; Ramón Ermida, secretaría de comunicación; Federico Gutiérrez Estoa, secretaría de formación; e Senín González Baño, responsable de Galiza Nova.

Segundo indicou Antonio Veiga “a dirección executiva do BNG na Mariña está a observar con moitísima preocupación a xestión que se está a facer da crise nomeadamente no que ten a ver co desmantelamento dos servizos públicos, a perda de emprego, e o aumento dos desequilibrios territoriais. Este último feito está a evidenciarse de xeito claro na nosa comarca tanto no referido ao feito de cómo a administración autonómica está a responder aos Eres e aos procesos concursais, antigas suspensións de pago, que ningún caso van acompañados de planos de acompañamento social como ben viron os veciños de Mondoñedo, Lourenzá ou mesmo Burela. Pero tamén no proceso de recentralización no ámbito provincial de servizos públicos esenciais que ata o día de hoxe se daban como asentados do que é un bo exemplo o hospital da Costa que está a ser autenticamente desguazado en beneficio do novo hospital de Lugo. Semella que aquela vella realidade que lle tocou vivir a moitas xeracións de mariñaos de nacer na Xesta ou na Gañidoira xa non é cousa do pasado, senón o futuro próximo que nos agarda”.

O portavoz dos nacionalistas mariñaos indicou “a necesidade dunha resposta social contundente do conxunto da poboación da comarca a fin de mudar o camiño trazado e de recuperar todo aquilo que levamos perdido desde o inicio da actual crise. A folga xeral non é só unha resposta á recente reforma laboral que veñen de aprobar neste caso os populares como no seu momento fixeron os socialistas, a folga xeral que a nosa organización apoia e impulsa de xeito decidido ten que ser o inicio dun calendario de protesta continuo que sexa quen de dobregar aos poderes económicos pero tamén de esixir da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado compromisos claros coa Mariña. Nós non imos asistir como espectadores pasivos ao proceso de desmantelamento e tamén de morte lenta da nosa comarca, e nese sentido é polo que os nacionalistas chamamos á sociedade a participar da folga xeral do 29 de marzo. Esta folga non vai con ninguén en concreto senón que vai con todos en xeral, particularmente con aqueles que se atopan en situación de desemprego, con aqueles outros que coa reforma aprobada se converterán en breve en parados, e por suposto cos autónomos e cos comerciantes a quen a perda de poder adquisitivo así como a falta de apoio polo sistema financieiro condenanos a un futuro de quebra”.

Os nacionalistas na súa xuntanza de hoxe destacaron que “os grupos municipais da nosa organización van a presentar mocións en todos os concellos da Mariña en apoio á xornada de folga do 29 de marzo porque estamos certos que se a sociedade, a clase traballadora foi quen de paralizar unha reforma laboral proposta tamén por un goberno con mayoría absoluta do que formaba parte Aznar, hoxe tamén é posible paralizar esta reforma e obrigar ao gobernó da Xunta e ao Goberno do Estado a que sitúe a creación do emprego como eixo básico da política económica. A nós non nos preocupan palabras fetiche como “déficit”, “balanza por conta corrente”, “produtividade”, a nós preocúpanos o drama que sofren, día a día, aqueles que non teñen traballo, aqueles a quen se lle recorta o seu poder adquisitivo e tamén nos preocupa o discurso do Partido Popular que está a criminalizar a todas as persoas que non se atopan en situación de desemprego.

Exit mobile version