Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG E Galiza Nova aseguran que despregarán unha intensa campaña informativa sobre a reforma laboral

Nota de prensa

O BNG E GALIZA NOVA DESPREGARÁN UNHA INTENSA CAMPAÑA INFORMATIVA SOBRE A REFORMA LABORAL

A campaña informativa iniciarase mañá venres en Viveiro cunha mesa redonda sobre a crise e a reforma laboral dende unha perspectiva de xénero.

Para Veiga débense contestar con contundencia as receitas do PP que so ofrecen mais desemprego, recortes nos servizos públicos e o desmantelamento dos dereitos sociais e laborais das maiorías sociais

A Mariña, 8 de marzo de 2011. O BNG e a organización xuvenil Galiza Nova despregarán unha campaña informativa na Mariña para explicar a reforma laboral con preto de 20 actos informativos en diferentes formatos. Os nacionalistas prevén catro mesas redondas nas que participarán ademais de persoas das direccións comarcais de ambas organizacións, representantes de empresas ou sectores da comarca afectados pola crise, membros do Consello Nacional do BNG, o parlamentario Manuel Parga e persoas cualificadas que analizarán os efectos da crise económica e as medidas, ao entender do BNG, totalmente erradas dos gobernos central e galego, nomeadamente a reforma laboral.

O primeiro acto “Crise e reforma laboral dende unha perspectiva de xénero”

A campaña iniciarase o venres en Viveiro cun acto ás 20.30 no salón de actos do conservatorio Viveiro no que participarán Susana Riveira, Responsábel de Muller na Executiva Comarcal do BNG, Dores Caperán, avogada da CIG que desempeñou con anterioridade a súa actividade profesional en relación directa coa problemática da muller, e Manuel Parga Núñez, parlamentario do BNG, que exporá a posición do BNG sobre a reforma laboral e os efectos da crise dende óptica nacionalista.

A campaña informativa, trasladarase aos mercados das vilas, centros de ensino e actos públicos en Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo.

A organización xuvenil Galiza Nova, ten previstas asembleas informativas en tódolos centros de ensino medio da comarca, informando á mocidade dos efectos da reforma laboral “que eliminan de golpe tódolos dereitos sociais e laborais alcanzados nas últimas décadas”. Así mesmo, cargos orgánicos e institucionais do BNG distribuirán nos catro actos previstos en Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo así como noutros puntos da comarca dípticos informativos baixo o título: “Actuemos, é tempo de respostas”.

Ademais do acto previsto para Viveiro o venres 9, está previsto outro o venres 16 no Salón de Actos da Antiga Biblioteca de Burela, o día 21 en Foz e o día 26 en Ribadeo.

Supresión da Reforma Laboral, mellora das relacións laborais negociada cos representantes sindicais e estímulo da economía para a xeración de emprego.

A proposta que o BNG leva a pleno pasa pola supresión da reforma laboral, por acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais, que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa medidas de estímulo da economía para a xeración de emprego de xeito inmediato. Antonio Veiga ademais engadiu que no eido económico os nacionalistas defenden medidas como a creación dunha banca pública que abra a billa do crédito, unha reforma fiscal que faga pagar mais a quen mais ten, control do fraude fiscal, redución dos gastos militares ou supresión das deputacións e dos ministerios que invaden competencias do goberno galego

Exit mobile version