Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG informou hoxe en Mondoñedo sobre as nefastas consecuencias da Reforma Laboral sobre o emprego e a actividade económica

Nota de prensa

O BNG informou hoxe en Mondoñedo sobre as nefastas consecuencias da Reforma Laboral sobre o emprego e a actividade económica

Orlando González demanda un cambio na política económica que favoreza a creación de emprego

A Mariña, 22 de marzo de 2012. O BNG informou hoxe no mercado de Mondoñedo sobre as consecuencias da xestión da crise económica que están a facer as administracións central e galega da crise económica con efectos demoledores sobre a actividade económica, o desmantelamento de servizos sociais e a destrución de emprego que se acrecentará coa aprobación da reforma laboral impulsada polo Partido Popular que contribúen á desigualdade e á exclusión social das maiorías sociais. No reparto informativo participaron o alcalde mindoniense, Orlando González, o Tte. de alcalde Xusto Fernández Haro e membros da Executiva Comarcal do BNG.

A Xunta de Galiza mira cara outro lado mentres o tecido socioeconómico de Mondoñedo morre sen que existan planos de activación económica e de acompañamento social que axuden a superar esta situación.

O Alcalde nacionalista de Mondoñedo, Orlando González afirmou que “os nacionalistas apoiamos de xeito decidido cambios substanciais política económica, xa que soamente cunha política distinta vai ser posíbel xerar emprego. Saír da crise sen que esta opere como un elemento que agrave a desigualdade implica a posta en marcha dunhas políticas distintas ás actuais, que sitúen como prioridade a creación de emprego e a protección social das persoas que máis o necesitan.” Os nacionalistas en Mondoñedo imos esixir compromisos claros con estas dúas premisas con parte do conxunto das administracións. González demandou compromisos por parte da Xunta de Galiza na dirección de xerar emprego na comarca e nomeadamente en Mondoñedo, duramente golpeado polo peche e o ERE de Aglomerados ECAR e Muebles Hermida que deixou sen emprego a moitas familias que a esta altura aínda non contan con un plan de acompañamento social que evite a súa exclusión social.

Os nacionalistas explicaron as causas da crise, “unha crise que arranca das políticas neoliberais que se veñen dando desde mediados dos anos setenta e que viviron os seus anos de ouro na primeira década do século XXI; non había outro camiño que esta crise, despois de alimentar a banca, co apoio das administracións e unha economía baseada na especulación, do que é un bo espello a burbulla inmobiliaria que tamén se coñece na costa de Lugo. Non é de recibo que os mesmos que provocaron a crise, isto é, a banca e os especuladores financeiros, pretendan agora que a factura dos seus excesos a paguemos o conxunto dos traballadores e traballadoras. Se alguén ten que apertarse o cinto son aqueles que engordaron nos anos dourados, isto é, os especuladores, e non as maiorías sociais, que non recibiron beneficios na etapa anterior, aos que agora pretenden pasarlles factura.

A experiencia demostra que as reformas laborais non axudan a reactivar o mercado laboral

Orlando González explicou que a reactivación económica non se producirá pola reforma do mercado laboral como xa demostraron outras reformas laborais, “a experiencia demostra o contrario, so mediante o estímulo da economía haberá posibilidades de xerar emprego non coa súa contracción”. E evidente, explicou González Cruz, “que si houbera un mercado laboral tan ríxido como din, non habería as taxas de desemprego que temos”. O nacionalista incidiu en que estas medidas compleméntanse coa ausencia de estímulos á actividade económica e aos recortes nos servizos sociais, educativos ou sanitarios que agravan sumamente a situación.

Exit mobile version