Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide no Parlamento a apertura do centro de día para discapacitados de Burela

Nota de prensa:

MANUEL PARGA PIDE A APERTURA DO CENTRO DIA PARA DISCAPACITADOS DE BURELA

Santiago de Compostela, 20 DE MARZO de 2012. Manuel Parga ven de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galiza interesándose pola apertura do centro de día para persoas con discapacidade de Burela

No Concello de Burela construiuse un centro de día para persoas con discapacidade cuxas obras remataron no ano 2010. Posteriormente foi equipado e acondicionado con axudas da Xunta de Galiza e da Deputación Provincial de Lugo.

Este centro de día da Fundación Eu Son conta con 20 prazas autorizadas pero non está en funcionamento a pesares de contar coas dotacións e os permisos pertinentes.

A corporación municipal de Burela ten solicitado ao goberno galego un convenio para concertar as prazas e así poñer en funcionamento o centro. Desta maneira poderían acceder ao mesmo con maior facilidade as persoas con discapacidade interesadas.

O Concello ten manifestado que as achegas económicas da Xunta de Galiza son imprescindibles para poder abrir este centro de día pois do contrario sería economicamente inviable o acceso ao mesmo por parte dos posibles usuarios do mesmo.

O centro de día mencionado está contiguo ao centro ocupacional que a fundación de discapacitados psíquicos ten en Burela, onde se desenvolven actividades para a integración destas persoas. A apertura do centro de día permitiría que persoas que polas súas capacidades non puideran participar nos obradoiros tiveran un lugar onde poder facer outras actividades, ademais de supoñer un respiro familiar para as persoas encargadas do seu cuidado.

O deputado do BNG pregunta polos motivos polos que non está en funcionamento o centro de día, sobre as actuacións que vai a realizar o goberno galego para que poida entrar en funcionamento e se vaI a desenvolver algunha actuación a Xunta de Galiza para dotar a Burela dun centro residencial para persoas con discapacidade psíquica.

Exit mobile version