Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pídelle ao alcalde de Barreiros que explique como vai garantir a aportación do concello para o convenio urbanístico

Nota de prensa

Barreiros, 10 de Marzo de 2012.

O BNG PÍDELLE AO ALCALDE DE BARREIROS QUE EXPLIQUE COMO VAI GARANTIR A APORTACIÓN DO CONCELLO PARA O CONVENIO URBANÍSTICO

O Presidente da Xunta declinou respostar a esta cuestión e remitiu a responsabilidade ao Alcalde barreirense.

Ante as últimas declaracións aparecidas nos medios, nas que o Presidente da Xunta traslada ao Alcalde de Barreiros a pregunta de como se garantirá a aportación municipal ao convenio, o BNG insiste unha vez máis na necesidade de saber cal é a capacidade do Concello de Barreiros para conseguir que sexan os promotores os que aporten ese diñeiro. “O Alcalde ten anunciado reiteradamente que ese diñeiro sería aportado polos promotores, porén en ningún momento existe seguridade de que iso vaia ser así, polo que cómpre preguntarse como vai o Concello de Barreiros afrontar os 7 millóns de euros que lle corresponde segundo o convenio asinado”, sinalan desde o BNG. “No convenio non aparece recollido que esta obriga sexa dos promotores, senón que a obriga e a responsabilidade é da institución municipal; incluso así o afirmou o Presidente da Xunta na súa comparecencia despois do Consello da Xunta. Ante a pregunta formulada por un xornalista, respondeu que tería que ser o Alcalde de Barreiros quen respostara á mesma, que é a súa responsabilidade asegurar ese diñeiro e recordou que, sen a aportación municipal non haberá convenio”, explican os nacionalistas.

Para os nacionalistas barreirenses “estas declaracións supoñen unha preocupación, xa que o desentendemento da Xunta e a responsabilización do Concello de Barreiros para conseguir esa cantidade de diñeiro non pode repercutir nas veciñas e veciños; polo que o Alcalde debe respostar, tal e como o insta Núñez Feijoo e o ten instado en numerosas ocasións o BNG, se pode garantir as aportacións dos promotores.”

As explicacións da Xunta coinciden co que sempre expuxo o BNG

Segundo explica a propia Xunta de Galiza “A insuficiencia nas redes de saneamento e depuración de augas residuais na rede de abastecemento de auga potable ou na potencia na subministración de enerxía eléctrica determinaron que o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 15/2007, do 1 de febreiro, suspendese a vixencia das Normas subsidiarias de Barreiros e aprobase unha ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor dun novo planeamento plenamente acomodado á actual lexislación.” Polo tanto, desde o BNG de Barreiros, conclúen que “a propia Xunta recoñece a insuficiencia dos servizos e desdice ao Alcalde barreirense no seu empeño de xustificar unha persecución política, dando a razón ao BNG na súa postura.”

Exit mobile version