Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén desprázase á pista dun reforzado Natudelia.com Zaragoza

Nota de prensa

O CADRO LARANXA DESPRÁZASE Á PISTA DO REFORZADO ZARAGOZA

O Burela FS Pescados Rubén desprázase mañá á pista dun reforzado Natudelia.com Zaragoza, que pelexa por afastarse paseniño dos postos de descenso. O encontro da vixésimo primeira xornada de Primeira dará comezo ás 18.30 horas no complexo maño de La Granja.

Dende a sexta praza (38 puntos), o cadro mariñán continúa co obxectivo de asentarse entre os mellores, para o que esta fin de semana terá que bater a un rival con moitas caras novas tras o mercado de inverno. Para Javier Pardeiro, “é unha saída difícil, ante un equipo que acostuma facerse forte na súa pista”. Nestes momentos, o Natudelia ocupa o décimo terceiro posto, con 15 puntos; encadea dúas derrotas despois de medirse a dous dos de arriba, Ponte Ourense (2-5) e Cajasur Córdoba (4-2).

“As zaragozanas saíron do descenso tras a chegada de María García, Corín e Pilar, ás se podería sumar en breve unha incorporación brasileira. Se comezaran así a competición, creo que sería un equipo de Copa” engadiu o adestrador. “O Natudelia tendía á práctica dunha defensa zonal moi próxima á súa portería, recorrendo con frecuencia ao contragolpe; no entanto, agora, coas incorporacións, é fisicamente forte e en ocasións adianta a defensa para intentar asfixiar o rival” analizou o técnico laranxa.

Javier Pardeiro terá as dúbidas de Jozi e Cely, con senllas sobrecargas. As benxaminas da escuadra, Silvia e Paula, non viaxarán por motivos académicos.

Exit mobile version