O acto de entrega de galardóns e proxección das obras participantes terá lugar o vindeiro domingo 15 de Abril, ás 19:00h. no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, en Barreiros.
O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros vén de realizar o II Certame Fotográfico Enfocando Barreiros que este ano levou por tema Os ríos no obxectivo. Dende o Colectivo valoran moi positiviamente a realización desta actividade e sinalan que “a cantidade de obras recibidas, un total de 204 fotografías, é mostra do elevado interese que espertou o concurso, tendo participado persoas de distintos puntos da comarca e da provincia, así como do occidente asturiano.”
O fallo do concurso, que será levado a cabo por un xurado composto por fotógrafos e fotógrafas de recoñecido prestixio, farase público o vindeiro 15 de abril, ás 19:00h. no Centro Sociocultural de Barreiros, nun acto no que terá lugar a proxección de todas as fotografías participantes. Explican desde Ollomao que “os premios dos que se fará entrega serán un primeiro premio, consistente en 250€, e un segundo de150€, para a modalidade adulta e un premio único para a modalidade infantil, consistente nunha cámara fotográfica.”
Esta actividade atópase vencellada á defensa e posta en valor dos ríos do concello barreirense, máis en concreto do Río Masma, liña de traballo que escolleu o Colectivo Cultural Ollomao para o presente ano. Neste sentido, e como actividade complementaria ao certame, neste primeiro trimestre realizáronse dous roteiros fotográficos arredor dos ríos Masma e do Santo Estevo; participando deles en torno a 60 persoas. Debido á alta participación nos mesmos, dende Ollomao sinalan que os roteiros polo concello de Barreiros serán unha actividade a manter no calendario cultural do colectivo para o resto do ano.
Remitido