Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo feminino Mulleres de San Ciprián conmemora o Día da Muller Traballadora

Nota de prensa

Mulleres de San Ciprián

En conmemoración do 8 de marzo, Día internacional da Muller Traballadora

Homenaxe a catro xeracións de mulleres de San Ciprián, socias e traballadoras

Dolores Baltar Otero de 92 anos, Antonia Casas de 66, Ana Isabel Ferández Casas de 43 e Alba Díaz Fernández de 23 recibirán o recoñecemento das súas compañeiras.

San Ciprián, 3 de marzo de 2012.- Co gallo da celebración do 8 de marzo, Día internacional da Muller Traballadora o colectivo feminino “Mulleres de San Ciprián” decidiu organizar unha serie de actos entre os que salientan a sentida homenaxe que esta asociación quere facer a catro xeracións dunha mesma familia na que concorren tres feitos moi salientables: son todas elas mulleres, veciñas de San Ciprián, integrantes da asociación e traballadoras.

Dolores Baltar Otero, Antonia Casas Baltar, Ana Isabel Fernández Casas e Alba Díaz Fernández, recibirán o recoñecemento das súas compañeiras como mostra de cariño e de agradecemento polo seu compromiso no seno da asociación e por que a través da figura destas catro xeracións de mulleres o colectivo quere tamén exemplificar a evolución do papel da muller tanto no ámbito laboral como persoal e a implicación das asociacións femininas nas grandes conquistas sociais acadadas nas últimas décadas no ámbito da igualdade de oportunidades.

Dolores Baltar Otero é a tataravóa, nacida no lugar de Pedrosa, perto da Península da Paz, fai 92 anos traballou toda a súa vida laboral na agricultura e tamén foi costureira, ademais de dedicarse ao coidado da súa familia e facelo nuns tempos, os da postguerra, moi convulsos na historia do noso país. A súa filla, Antonia Casas, foi sempre unha muller emprendedora: emigrante retornada, traballou no hospital materno infantil en Holanda ata o seu regreso ao noso país onde se dedicou á hostalería, atendendo un bar en San Ciprián. No ámbito social presidiu o colectivo Mulleres de San Ciprián durante 13 anos, foi concelleira electa da agrupación independente de veciños de San Ciprián e presidenta da ANPA do colexio “Mestre Rivera Casás”. As xeracións máis novas teñen en Ana Isabel Fernández Casas, de 43 anos, un referente da muller de hoxe: universitaria traballa como aparelladora desenvolvendo proxectos nunha empresa de construción. É nai de dous fillos, entre eles de Alba Díaz Fernández, de 23 anos, a cuarta muller desta familia, traballa nun comercio de alimentación en Viveiro.

XANTAR NO RESTAURANTE BUENA VISTA

Tataravóa, aboa, nai e neta da familia Casas Fernández residen todas elas en San Ciprián e recibirán das mans da súas compañeiras sendos ramos de flores e unha placa conmemorativa. A idea é facer entrega destes agasallos no domicilio familiar de Dolores Baltar xa que, pola súa idade, ten a mobilidade reducida. A cita coincidirá coa celebración do 8 de marzo, día internacional da muller que ten nestas catro xeracións un referente claro. Despois será o tempo de compartir mesa e mantel nunha cea que, organizada polo colectivo feminino, terá lugar no restaurante Buena Vista da localidade, a partir das 21.30 horas.

Como curiosidade, Mulleres de San Ciprián, explica que estas catro xeracións de mulleres teñen a ben contar cun novo integrante -o que sería a quinta xeración da familia- neste caso un neno, Albel Luque Díaz, que conta xa cun ano e medio de idade. O primeiro home primoxénito, despois de catro xeracións de mulleres e a día de hoxe, o centro de atención de todas elas, que non dubidan en prestarlle coidados e cariños.

Exit mobile version