Nota de prensa:
GONZÁLEZ BARCIA AGARDA QUE A RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE BURELA ESTEA REMATADA NO PRAZO DE ANO E MEDIO. O ALCALDE DI QUE SE TRATA DUN DOCUMENTO FUNDAMENTAL E DUNHA DEMANDA DOS SINDICATOS.
Burela, 7 de marzo de 2012. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, agarda que a relación de postos de traballo, que vai elaborar a Deputación de Lugo, estea rematada no prazo de ano e medio. O rexedor di que se trata dun documento fundamental para para establecer as relacións entre os traballadores e o Concello e sinalou que é unha demanda dos sindicatos. González Barcia reuníuse hoxe en Lugo co responsable de recursos humanos da institución provincial.
González Barcia indicou que “o Concello de Burela procederá de maneira inmediata á elaboración dunha relación de postos de traballo para o conxunto dos seus traballadores, tanto para os funcionarios como para persoal laboral fixo. Dita RPT será realizada pola Deputación de Lugo”.
O alcalde burelés contou que “esta mañá tiven unha xuntanza co xefe de servizo de recursos humanos da propia institución provincial, xa mantivéramos outra hai unhas semanas, e chegamos á conclusión de que o mellor é que se empece a traballar canto antes. Será aproveitando a relación de postos de traballo que o PP, cando gobernaba en Burela na etapa anterior, elaborou e que tiñamos aprobada en pleno no ano 2006 e tamén aqueles cuestionarios que a propia Deputación xa fixo entre o persoal do Concello nos últimos catro anos”.
José Mª González Barcia entende que “no prazo, indo todo ben e sendo razoablemente optimistas, dun ano ou ano e media poderemos ter rematada esta relación de postos de traballo. Inclínome máis a pensar no prazo de ano e medio que no dun ano porque estas historias sempre teñen unha certa complexidade ao estar falando de aspectos vinculados ás funcións dos propios funcionarios e dos propio persoal laboral fixo”.
O rexedor dixo que “no equipo de goberno pensamos que este documento é fundamental para establecer as relacións entre os traballadores e o Concello. Nel quedarán reflexadas as funcións que cada posto de traballo ten e aquelas que entendemos que debe ter e tamén quedará feita a valoración económica dese posto de traballo. É un proceso que ten a súa complexidade e no que nos poñeremos a traballar con carácter inmediato”. González Barcia engadiu que “é unha demanda dos propios sindicatos, tanto da xunta de persoal como do comité de empresa, espero e confío que fagan aportacións sempre en positivo para que esa relación de postos de traballo sexa un documento perfectamente válido”.
O alcalde manifestou que “arrancamos un traballo que nos anteriores catro anos xa tiña que estar feito, non quero que sone a reproche, pero é así. Nestes últimos catro anos se dixo por activa e por pasiva que ía haber unha relación de postos de traballo actualizada para o Concello de Burela e non se fixo absolutamente nada, só se iniciou o proceso a través duns cuestionarios que aínda non están todos completados. Tanto por parte do Concello como por parte do persoal de recursos humanos da Deputación de Lugo hai interés en sacar para adiante este documento”.