Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela lembralle aos veciños as obrigas en materia de limpeza e protección ambiental

Nota de prensa

O CONCELLO EDITA DOUS BANDOS LEMBRÁNDOLLE Á CIDADANÍA AS OBRIGAS QUE ESTABLECE A ORDENANZA DE LIMPEZA E PROTECCIÓN AMBIENTAL SOBRE A RECOLLIDA DO CARTÓN E DOS EXCREMENTOS DOS CANS OU DOUTRAS MASCOTAS. PATRICIA LÓPEZ EIJO PIDE COLABORACIÓN VECIÑAL PARA QUE BURELA SEXA UNHA VILA O MÁIS LIMPA POSIBLE.

Burela, 13 de marzo de 2012. O Concello ven de editar dous bandos lembrándolle á cidadanía algunhas das obrigas que establece a ordenanza de limpeza e protección ambiental con respecto á recollida do cartón e aos excrementos dos cans ou doutras mascotas. No caso do cartón o incumprimento da normativa pode ser considerada como infracción grave sancionándose con multas de 90 a 300 euros e no caso das dexeccións dos cans está considera como infracción leve e as sancións poden oscilar entre os 30 e os 90 euros.

Dende o Concello lémbrase aos vecinos a través dun bando municipal que “a ordenanza de limpeza e protección ambiental establece que as caixas de cartón de grandes dimensións deben ser despedazadas e empaquetadas correctamente antes de ser depositadas nos contedores habilitados para este fin, ocupando o menor espazo posible” e que “queda prohibido depositar nos espazos públicos mobles, enseres e obxectos inútiles para que sexan retirados polo servizo de recollida domiciliaria” fora dos días establecidos.

A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, recorda aos veciños que “a recollida de enseres a domicilio se realiza os mércores, para o cal hai que porse primeiro en contacto co punto limpo no seguinte número de teléfono 667 51 39 36”.

Na mesma ordenanza tamén se indica que “o lixo e os desperdicios deben depositarse en bolsas pechadas e non poderán ser deixadas nos contedores ou na vía pública antes das 20 horas, agás nos meses de verán, é decir de xuño a setembro, que non poderán depositarse antes das 22 horas. O incumprimento desta normativa pode ser considerado unha infracción grave, sancionándose con multas que oscilarán entre os 90 e os 300 euros”.

López Eijo, pide colaboración veciñal á hora de respectar e cumprir as normativas en vigor “para ofrecer a mellor imaxe posible da nosa vila e para que todos disfrutemos dela nas mellores condicións”.

Os populares tamén subliñan noutro bando que “as persoas que conduzan cans ou outros animais polas vías e espazos públicos, ademáis de levalos atados e, no seu caso con bozal, dependendo da perigosidade do animal… deberán levar obrigatoriamente unhas bolsas e un recolledor, ou accesorios similares, para a recollida e limpeza das súas dexeccións. No caso de que os excrementos queden depositados nas beirarrúas, xardíns ou outras zonas destinadas ao tránsito peonil, a persoa que conduza o animal está obrigada á súa limpeza inmediata, e deberá, debidamente empaquetada, depositala en papeleiras ou contedores de lixo”. No caso de incumprimento da devandita ordenanza considérase como infracción leve “non levar bolsas ou recolledor para a eliminación e limpeza das dexeccións dos cans, correspondéndolle unha multa de entre 30 a 90 euros”.

Patricia López Eijo fai unha chamada aos propietarios de cans ou doutras mascotas “para que dean exemplo, recollendo os excrementos e depositándoos nos contedores que atopen polas rúas de Burela. Os cans teñen dereito a saír, pero os cidadáns tamén o teñen a pasear pola rúa ou a disfrutar dos espazos públicos sen ter que estar a sortear os excrementos que se deixan neses lugares”.

Exit mobile version