Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela programa actividades en marzo para conmemorar o día da muller traballadora

Nota de prensa

O CONCELLO ORGANIZA VARIAS ACTIVIDADES AO LONGO DO MES DE MARZO PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. A PRIMEIRA SERÁ UNHA MESA REDONDA O VINDEIRO XOVES.

Burela, 6 de marzo de 2012. O Concello organiza varias actividades ao longo do mes de marzo para conmemorar o día internacional da muller. A primeira será unha mesa redonda que terá lugar o xoves, 8 de marzo, ás 18:00 horas no salón de plenos. Os actos foron presentados hoxe pola concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade.

Diana Durán explicou que “a través do CIM estamos a organizar diversas actividades durante este mes, entre as que destacan as previstas para o 8 de marzo. Ese día haberá unha mesa redonda A modernización en Burela a través da muller, na que participarán catro mulleres que relatarán as súas peculiares experiencias, que son o reflexo da vida doutras mulleres e que seguramente nos sentiremos identificadas con elas. O obxectivo desta mesa redonda é dar protragonismo ás mulleres de Burela, amosando a súa realidade e favorecendo un modelo de identificación no que outras mulleres poidan verse reflexadas”. As participantes neste acto, que se desenvolverá ás 18:00 no salón de plenos do Concello de Burela, son: Son Celia González Vispo, Alicia Valle Vázquez, Antonia Fernández Rivas e Mª Ramona Veiga Álvarez. A edil popular dixo que “alí falaremos de mulleres emprendedoras, da experiencia de ser unha das primeiras mulleres en ter o carné de conducir en Burela, de muller e discapacidade, de muller e as novas tecnoloxías e de muller e arte”.

A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade anunciou que “ao longo de todo marzo seguiremos con actividades para conmemorar o día internacional da muller. O día 15 teremos unha charla informativa sobre a nova normativa de empregadas do fogar, a cargo do avogado Carlos Villar Arévalo, ás 18 horas no salón de plenos do Concello. O 20 de marzo inauguraremos unha exposición de pintura da burelesa María Ramona Veiga Álvarez na sala de arte da Casa da Cultura ás 18:30 horas. Tamén haberá a proxección do filme Yentl para o alumnado dos IES Perdouro e Monte Castelo, co que pretendemos fomentar a reflexión entre os rapaces e rapazas destes centros, o compromiso social e os valores solidarios e igualitarios. E tamén teremos a finais de mes unha charla informativa sobre o programa Emega da Xunta de apoio ás mulleres emprendedoras”.

Diana Durán agarda que “o programa de muller do Concello de Burela sexa do agrado de tod@s, quedan convidadas todas aquelas persoas que o desexen a participar nos actos programados”.

Exit mobile version