Site icon Crónica3.com A Mariña

Once familias de Cervo necesitan alimentos da Cruz Vermella que reparte o concello

Nota de prensa:
O Concello inicia a entrega duns 900 quilos de alimentos básicos a 11 familias cervenses

-Repártense víveres de primeira necesidade e non perecedoiros como leite, arroz ou pasta; e alimentos para nenos como papas e leite de continuación

-Esta actuación enmárcase na cuarta fase do “Plan de Alimentos 2011 ás persoas necesitadas” da Cruz Vermella

Cervo, 16 de marzo de 2012-O Concello de Cervo comezou a distribución de case 900 quilos de alimentos non perecedoiros e de primeira necesidade entre persoas ou unidades familiares de escasos recursos e con dificultades económicas. Nesta ocasión, son 11 as familias cervenses que recibirán esta axuda, o mesmo número que na última entrega realizada no mes de novembro. En canto ao número de persoas beneficiarias son 22, das cales 18 son adultas e 4 son menores. As situacións familiares son moi diversas, dende parellas, persoas maiores que viven soas ou familias monoparenterais con fillos a cargo.

O reparto realízase de forma equitativa entre todos os beneficiarios deixando un excedente para casos de urxencia. Polo momento, a Concellería de Servizos Sociais xa convocou ás familias para que a partir de hoxe se acheguen a recoller os víveres ata a Casa do Concello. Ademais, o departamento ten prevista outra vía de repartimento para aquelas familias con dificultades para desprazarse ata a Casa Consistorial. Nese caso, será o persoal do servizo de Protección Civil o que distribúa os alimentos polos domicilios.

Trátase dunha iniciativa da Cruz Vermella, que é a encargada de proporcionar os alimentos mentres o Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, achega recursos humanos e apoio para a tramitación e valoración das solicitudes así como para a distribución dos alimentos no municipio cervense. Unha acción que se encadra no “Plan de Alimentos 2011 ás persoas necesitadas” da Cruz Vermella. A repartición que agora se inicia correspóndese coa cuarta fase deste programa financiado pola UE e que leva máis de 10 anos en funcionamento.

Este programa de axuda permite a distribución de alimentos de máxima necesidade entre 3 e 4 veces ao ano. Os víveres que se inclúen nas reparticións son alimentos de longa duración como leite, arroz, pasta, cacao en po, galletas ou salsa de tomate, así como produtos para nenos como leite de continuación e papas. “Dende o Concello consideramos indispensable o traballo que desenvolve a Cruz Vermella na axuda aos máis necesitados e por iso poñemos todos os recursos dispoñibles para colaborar e facer posible que estes alimentos cheguen ás persoas con máis dificultades económicas” explica a edil de Servizos Sociais, Tania González.

Exit mobile version