Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Lourenzá publicou un manifesto en nome das mulleres do concello

Nota de prensa:

Manifesto das mulleres do Concello de Lourenzá

Día Internacional da Muller

Un ano máis, en todo o mundo, dende xa fai máis dun século o 8 de marzo únense voces e vontades para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Neste día pásase balance dos retos acadados, pero tamén das dificultades que tantas e tantas mulleres pasaron ao longo dos anos, para que as mulleres de hoxe en día vivamos coa ilusión de deseñar novos retos e reclamar os nosos dereitos. Se aínda temos que vivir con ilusión este día é por que a discriminación a día de hoxe persiste.

As mulleres do Concello de Lourenzá, cremos que é necesario seguir poñendo enriba da mesa a situación de desigualdade que moitas mulleres seguen a sufrir, insistir na necesidade de traballar no grave problema do desemprego ou da precariedade laboral, que afecta de maneira tan importante ás mulleres de todas as idades, así como na eliminación da lacra da violencia de xénero.

Reclamamos o que é unha xusta e digna aspiración á que o conxunto da sociedade debe sumarse, e por suposto, tamén os homes: sen a súa colaboración non o lograremos.

A falla de visibilización do traballo desenvolvido polas mulleres, as diferenzas nas percepcións salariais, o desigual reparto das tarefas domésticas e das responsabilidades familiares, ou as diferenzas existentes na esfera da toma de decisións son só algúns dos retos pendentes. Non se trata só de avanzar cuantitativamente en materia laboral senón que ese avance veña acompañado de melloras cualitativas.

A complexidade da tarefa pendente non nos debe desalentar nin debe ser un obstáculo para esta aspiración, ao contrario, debe ser un motor que nos impulse no avance, sobre a base de que cada ameaza pode e debe converterse nunha oportunidade.

Os avances en materia lexislativa son innegables, non obstante, todos os modos de discriminación deben ser erradicados, de aí a importancia de continuar avanzando na educación en igualdade, para que as xeracións vindeiras vivan nunha esfera de respecto á diversidade, de tolerancia e de paz, superando antigos conceptos, actitudes e comportamentos que están na base da desigualdade existente entre mulleres e homes.

Insistimos na necesidade de avanzar cara a unha sociedade na que mulleres e homes sexan diferentes en tanto a persoas, pero iguais en dereitos e oportunidades, e as mulleres do Concello de Lourenzá seguiremos traballando para acadar estes obxectivos. Só desta forma contribuiremos a crear unha sociedade máis igualitaria, máis democrática e máis feliz.

As mulleres do Concello de Lourenzá, non vamos traizoar a aquelas mulleres ás que chamaron tolas, visionarias ou no mellor dos casos soñadoras por non resignarse a vivir en desigualdade e ás que tanto debemos, dende Lourenzá, seguiremos loitando e dando a cara por unha sociedade máis xusta e máis libre, por unha sociedade en igualdade.

Exit mobile version