Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica a postura da oposición con respecto á xestión da Rede Natura en Galicia

Nota de prensa:

A portavoz de Conservación da Natureza, Emma Álvarez, subliñou que “o señor Manuel Vázquez, actualmente secretario xeral do PSdeG e nese momento conselleiro de Medio Ambiente, nunca tivo intención de sacar adiante o plano de coloríns que presentaron en 2007”

O GRUPO POPULAR CRITICA “AS TRABAS E DEMAGOXIA” DA OPOSICIÓN RESPECTO Á AMPLIACIÓN DA REDE NATURA “PARA XUSTIFICAR O QUE NON FIXERON CANDO LLES TOCOU GOBERNAR”

 Emma Álvarez afirmou que os socialistas practican “un dobre xogo: aquí, no Parlamento, cualifican a proposta de insuficiente e o Plan Director de permisible e nos concellos afectados opóñense á ampliación utilizando o populismo”

Santiago, 22 de marzo de 2012.- A portavoz de Conservación da Natureza do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, criticou hoxe “as trabas e a demagoxia” que está a utilizar a oposición respecto ao proxecto de ampliación da Rede Natura 2000 que tramita o actual Goberno galego co obxectivo de “intentar xustificar o que non fixeron cando lles tocou gobernar: non se atreveron a debater sobre unha proposta de Rede Natura e non souberon redactar un Plan Director para a súa discusión”.

Álvarez Chao acusou aos socialistas “de chegar tarde, porque terían que ser vostedes cando gobernaron os que presentaran a ampliación da Rede Natura 2000 e elevar a documento público o plano de colorines presentado polo daquela director xeral de Conservación da Natureza no Consello Galego de Medio Ambiente en outubro do ano 2007”.

ENGANAR AOS CIDADÁNS

“O señor Manuel Vázquez, actualmente secretario xeral dos socialistas galegos e nese momento conselleiro de Medio Ambiente, nunca tivo intención de sacar adiante esta hipotética proposta, dándolle as costas as insuficiencias detectadas en relación a un conxunto de especies e tipos de hábitats de interese comunitario recollidas na decisión da Comisión Europea en decembro de 2004”, sinalou.

A portavoz do Grupo Popular lamentou que os socialistas “traten de enganar aos cidadáns porque non é verdade que o anterior Goberno galego tivera preparado nada: iniciárase unha proposta que non ten tramitación algunha porque non se afondou nela, nin nunca se materializou un proxecto a discutir na participación pública”.

Neste sentido, criticou que a proposta do anterior Goberno “realizárase en base a porcentaxes, cando as directivas europeas non esixen un porcentaxe mínimo de ampliación da Rede Natura 2000, senón que é obrigatorio facelo baixo uns criterios técnicos, baseados nas insuficiencias detectadas pola Comisión Europea e redactadas nas decisións dos anos 2004 e 2006 ou na mellora da representatividade en base á Directiva Hábitat”.

“Por este motivo, a proposta do actual Goberno galego é susceptible de ser aprobada pola Unión Europea e é máis real e axustada ás deficiencias detectadas na nosa comunidade autónoma”, indicou.

Así mesmo, Emma Álvarez afirmou que os socialistas practican “un dobre xogo: aquí, no Parlamento, cualifican a proposta de insuficiente e o Plan Director de permisible e nos concellos afectados opóñense á ampliación utilizando a demagoxia e o populismo para terxiversar a información e alporizar aos propietarios dos predios afectados en contra da proposta feita polo Goberno galego”.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Respecto ás demandas formuladas pola deputada socialista, Carmen Gallego, a portavoz do Grupo Popular salientou que a cartografía na que se presenta a Rede Natura 2000 “ten un gran estado de detalle e na propia páxina web da Consellería existe un visor rápido e sinxelo para consultar a proposta de ampliación a nivel de parcela do catastro nacional”.

Álvarez Chao recordou que a proposta tivo un proceso de participación pública de 60 días, durante o que os interesados puideron presentar as aportacións que consideraron oportunas, “polo que estamos a falar dun documento que tivo un alto grao de transparencia e participación, que ademais terá o proceso de información pública antes de ser aprobado”. “De aí que non sexa oportuno empezar un novo período de consulta e os axustes e correccións que se fagan serán consecuencia das aportacións antes mencionadas despois de ser estudadas polo equipo técnico redactor da proposta”, anotou.

Respecto ás limitacións de usos autorizables en solos rústicos de protección de espazos naturais, Emma Álvarez concretou que non toda a superficie clasificada como de protección de espazos naturais ten un mesmo valor de conservación e, polo tanto, as zonas 2 e 3 establecidas no Plan Director pasarían a ter estes usos permitidos ou autorizables para todos os concellos, independentemente da porcentaxe de superficie destes municipios que se atopa en Rede Natura. “Esta medida equipara os usos permitidos na zona de conservación e na zona de uso xeral cos usos permitidos nos solos rurais de protección ordinaria, nunhas zonas que representan arredor do 90 por cento da Rede Natura galega”, afirmou.

Exit mobile version