Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cuantifica en máis de 4 millóns de euros o apoio da mellora da competitividade da empresa Alcoa

O deputado popular defende que se existe un Goberno comprometido no apoio aos sectores e ás industrias estratéxicas de Galicia ese é o que preside Alberto Núñez Feijóo

BALSEIRO SALIENTA QUE AS MEDIDAS DA XUNTA EN APOIO DA MELLORA DA COMPETIVIDADE DA EMPRESA ALCOA SUPERAN OS 4 MILLÓNS DE EUROS

 A Consellería de Economía e Industria e a empresa colaboran nos proxectos de substitución de fuel-oil por gas natural nas factorías da Coruña e San Ciprián.

 A Xunta negocia co Estado os axustes nas tarifas eléctricas que teñen que satisfacer aos grandes consumidores un dos principais retos de futuro para empresas como Alcoa.

Santiago, 28 de marzo de 2012.- O deputado popular, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe no transcurso dunha interpelación debatida no Pleno do Parlamento de Galicia a importancia das medidas postas en marcha pola Xunta en apoio da competitividade e do mantemento da actividade da empresa Alcoa na nosa comunidade, así como os apoios que vén desenvolvendo o Goberno galego nas factorías da Coruña e San Ciprián que, segundo explicou o parlamentario, supoñen unha inxección en investimentos autonómicos que superan os catro millóns de euros.

Entre outras medidas Balseiro Orol lembrou o financiamento dos proxectos que promoven en conxunto con esta compañía para a substitución do fuel-oil por gas natural, aparellados ao desbloqueo, entre outros, do gasoduto da Mariña lucense -paralizado en tempos do bipartito e desprezado polo anterior Goberno central- ou coas negociacións iniciadas pola Xunta en torno ao debate sobre o custo enerxético.

CUSTO ENERXÉTICO

Jose Manuel Balseiro lembrou que, precisamente, un dos principais retos que debe afrontar Alcoa, na súa condición de gran consumidor de enerxía é o do prezo que paga polo subministro de electricidade. Neste senso agradeceu as palabras do conselleiro de Economía e Industria que xa adiantou ás medidas que está a capitanear a Xunta diante da Comisión Nacional da Enerxía e do Ministerio correspondente para, entre outras acadar a creación de novas tarifas de acceso á rede de alta tensión adaptándoas ás tipoloxías das empresas consumidoras, un feito que beneficiaría de xeito directo a Alcoa. Tamén alegou a favor da estabilidade das primas por interrumpibilidade ou por unha nova regulación dos accesos e pexes eléctricos.

DÉBEDA ELÉCTRICA: HERDANZA SOCIALISTA

En todo caso Balseiro non deixou de lembrar que o déficil tarifario na electricidade -superior aos 25 mil millóns de euros- é unha dura herdanza das lexislaturas socialistas en Madrid, que multiplicaron por 17 esta débeda nos seus anos de Goberno aplicando unha política enerxética cargada de ideoloxía e falta de realismo económico. O deputado lamentou que PSOE e BNG non se teñan percatado antes das consecuencias deste tipo de malas xestións: uns desde o Goberno central e outros, apoiando repetidamente os orzamentos do Executivo de Zapatero.

UN GOBERNO COMPROMETIDO

Balseiro Orol rematou lembrando que todas as medidas descritas polo Conselleiro de Economía na súa interpelación dan mostra de que se existe un Goberno comprometido no apoio aos sectores e ás industrias estratéxicas de Galicia ese é o que preside Alberto Núñez Feijóo e lamentou que outros gobernos -en referencia ao bipartito de Galicia e ao central socialista-, non teñan desenvolvido medidas similares que terían redundado en beneficio desta empresa e da continuidade do seu cadro de persoal.

Remitido

Exit mobile version