Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP debaterá consigo mesmo en Barreiros, Burela e Cervo un documento que hipotecará a xestión municipal por 10 anos, afirma o BNG

Os alcaldes de Cervo, Burela e Barreiros abandeiran a liña mais dura do PP da Mariña ao negarse a modificar as datas dos plenos ou cambialas para facelas coincidir coa Folga Xeral do 29M

Os portavoces municipais nacionalistas dos tres concellos acúsanos de impedir a participación do BNG no debate sobre os Planos de axuste porque saben do apoio dos nacionalistas á folga xeral do 29M

O PP debaterá consigo mesmo en Barreiros, Burela e Cervo un documento que hipotecará a xestión municipal por 10 anos

A Mariña, 28 de marzo de 2012. Os portavoces municipais do BNG en Barreiros, Ana Ermida Igrexas e Antonio Veiga Outeiro, de Burela, Neves Cando e Cervo, Xoán Antón Estúa, compareceron hoxe en rolda de prensa para denunciar a actitude dos alcaldes dos tres concellos que impiden nunha estratexia común a presenza do BNG nos debates sobre o Plan de Axuste que hipotecará a xestión económica municipal nos próximos 10 anos ao non querer modificar as datas dos plenos, nos casos de Burela e Cervo, e trasladar no caso de Barrreiros a ordinaria do 27 ao 29 para facela coincidir coa Folga Xeral. Os nacionalistas explicaron que en Burela e Cervo solicitaron a modificación da data prevista para evitar a coincidencia do pleno ordinario coa folga xeral sen que os respectivos alcaldes accederan e no caso de Barreiros modificouse a data do pleno ordinario previsto para o 27 ao 29.

O PP trata sibilinamente de socavar o dereito constitucional á folga mantendo ou cambiando as datas dos plenos para facelos coincidir coa folga xeral do 29M

Os nacionalistas denunciaron que os alcaldes populares de Barreiros, Burela e Cervo “poñéndose na vangarda da liña mais dura do PP que socava un dereito democrático e constitucional como é o dereito á folga” , estes tres alcaldes, insistiron “sibilinamente socavan o dereito a secundar unha folga xeral xusta e oportuna contra a reforma laboral aprobada polo seu partido en Madrid por parte dos traballadores municipais que terán que acudir aos plenos, tamén tratan de que os grupos políticos da oposición municipal que a apoiamos renunciemos ao mesmo dereito”. Para os nacionalistas esta actitude mostra a faciana mais regresiva do PP que recorta servizos públicos básicos como a sanidade, o ensino ou a asistencia social ou aproba unha reforma laboral que é o maior ataque ao dereito a ter un traballo digno.

O PP impide intencionadamente a presenza do BNG nun debate que se podía celebrar o venres

Os nacionalistas acusaron ao PP de impedir intencionadamente a presenza do BNG nos plenos onde se vai debater o Plan de Axuste incluído no RDecreto Lei 4/2012 para o pago de débedas a provedores das entidades locais. Os portavoces nacionalistas que aínda recibiron na tarde de hoxe a documentación do punto nos casos de Burela e Barreiros, non así en Cervo que aínda non a recibiron, acusaron aos alcaldes de ocultar información, non se entende a non ser que forme parte dunha estratexia que podendo celebrar os plenos o venres 30, fagan por trasladalos ao día da folga ou, como o caso de Barreiros que tiña sesión ordinaria o martes 27, non o celebre e traslade a data para convocar un extraordinario e urxente o mesmo día da folga xeral cando saben que o BNG non vai acudir.

O PP dos tres concellos debaterá consigo mesmo un documento que hipoteca a xestión municipal por 10 anos.

Os nacionalistas de Barreiros, Burela e Cervo acusaron a villares, Barcia e Fuente de ten unha actitude antidemocrática xa que o documento do Plan de Axuste hipotecará a xestión municipal nos próximos 10 anos e suporá previsibelmente a revisión de servizos públicos, recortes de persoal e limitacións no investimento e gasto público a longo prazo. Segundo os e as portavoces o decreto aprobado polo goberno estatal do PP non soluciona os problemas de financiamento dos concellos e limitará a autonomía municipal e a súa capacidade para ofrecer servizos.

Exit mobile version