Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pídelle á Deputación que priorice as necesidades no reparto de fondos cando os recursos son limitados

Nota de prensa

O PP recorda que o bipartito continuou co plan de comunidades veciñais do goberno popular cando o cualificou no seu momento de corrupto, clientelar e caciquil

O PP provincial pídelle á Deputación que priorice as necesidades no reparto de fondos cando os recursos son limitados

. A portavoz popular, que se amosa defensora do asociacionismo, esixe ao mesmo tempo unha xestión rigorosa dos orzamentos en base ás demandas municipais

Lugo, 23-3-2012. – A portavoz provincial do Partido Popular, Elena Candia, pídelle á Deputación provincial que priorice as necesidades manifestadas polos lucenses á hora de repartir os fondos orzamentarios dos que dispón o organismo provincial e máis tendo os conta que estes recursos son limitados. Candia fai estas declaracións en relación á proposta de aprobación das bases de concesión de subvencións a entidades asociativas, agrupacións e entidades veciñais que hoxe debaten na xunta de goberno.

Candia amósase defensora do asociacionismo e resalta a enorme contribución que estas agrupacións teñen para o desenvolvemento social. Porén, a portavoz provincial pide que as bases para a adxudicación dos dous millóns de euros que a Deputación provincial destinará no 2012 ao Plan de Cooperación con Entidades Asociativas, Agrupacións e Asociacións de Veciños se rexan polos criterios de necesidade, obxectividade e primando o interese xeral.

Segundo recorda a portavoz popular, o grupo bipartito criticou no seu momento o Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais que se puxo a funcionar no goberno popular. Candia explica que manifestando a pouca coherencia de xestión do goberno do BNG e do PSOE, o bipartito continuou co plan da época popular “xustificando agora o que antes se criticaba”

Candia cre que durante unha época de recursos limitados é necesario actuar con rigor e priorizar as necesidades demandadas polos concellos, cumprindo así co mandato constitucional de cooperación cos entes locais. Ante isto, dende o grupo provincial popular, sen desmerecer a funcionalidade das asociacións, pídelle á Deputación que non se esqueza de acometer obras naqueles concellos con menos recursos económicos. Así mesmo, se no seu momento, o bipartito cualificou este plan de “favoritismo político”, explica Candia, agora “dende o grupo provincial tamén levaremos a cabo un exercicio de control estrito sobre a concesión de subvencións garantindo unha xestión rigorosa”.

Exit mobile version