Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela critica que o concello vaia perder a certificación ISO 14001

Nota de prensa:

A Bandeira Verde con máis categoría que concede a Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI) foi conseguida en Burela no ano 2010, sendo a concelleira de medio ambiente Lucía Bouza. A federación valorou con cinco estrelas a xestión realizada ese ano e o anterior no Concello de Burela. Como curiosidade sinalar que en Galicia fomos únicos en acadar ese galardón.

A actual concelleira de medio ambiente, Patricia López, confía en repetir o mesmo nivel este ano (faise cada dous anos) e nosoutros tamén o desexamos.

Pero é curioso que se amose tanto interés en conservar esta bandeira e ao mesmo tempo renuncian a outras que representan unha prestixiosa certificación ambiental como é a certificación ISO 14001e que se concede según a normativa europea EMAS.

O Concello de Burela implantou para as súas praias (Marosa, Ril e Portelo) esta certificación na anterior lexislatura, sendo alcalde Alfredo Llano, por que se considerou que beneficiaba ao conxunto dos veciños e sobre todo, ás posibilidades de desenvolvemento turístico, xa que esta certificación garante dunha maneira continua a calidade das augas, areais, xestión de residuos, limpeza e servizos.

Por outra banda, Burela sae beneficiada en imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ao que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles aos municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medio ambientais.

A implantación da ISO 14001 foi impulsada pola Deputación Provincial asumindo esta entidade todos os custes derivados e, polo tanto, sen gastos para o Concello de Burela.

Para o ano 2012 a Deputación volve a asumir os custes das auditorías necesarias para renovar a Certificación, que debe facerse cada ano, para que as nosas praias sexan un referente de calidade para todo o pais. Burela a gran beneficiada.

Que o actual equipo de goberno, capitaneado polo Sr. Barcia, renuncie a esta certificación, desprezando todo o esforzo acadado na anterior lexislatura, só indica unha irresponsabilidade moi grande que se vai a traducir en prexuízos para o sector turístico e para todos os veciños en xeral. Sendo a renovación gratuíta para o Concello, a decisión do Sr. Barcia indica que lle da mais importancia a negar iniciativas de outros (Deputación e anterior equipo de goberno) que a atender aos intereses dos veciños.

Bandeiras verdes si, pero sen perder nada de canto tíñamos. É de lei renovar a ISO 14001. Fágano.

Exit mobile version