Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo presentará mocións en contra da reforma laboral e en defensa da igualdade

Nota de prensa
OS SOCIALISTAS DE CERVO PRESENTARÁN NO VINDEIRO PLENO DÚAS MOCIÓNS EN CONTRA DA REFORMA LABORAL E EN DEFENSA DA IGUALDADE

-Subliñan que “esta reforma laboral suporá a perda de moitos dereitos dos traballadores que foron adquiridos con moito esforzo dende hai anos, incrementará o paro e non incentivará a contratación”

-Con motivo do Día Internacional das Mulleres, o GMS pide que “o Goberno Central manteña as conquistas adquiridas en materia de igualdade e siga fomentando políticas neste mesmo camiño”

CERVO, 9 DE MARZO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo vén de rexistrar no día de onte dúas mocións para debatir no vindeiro pleno, co único fin de dar marcha atrás á reforma laboral aprobada polo Goberno de España e de conmemorar o Día da Muller Traballadora instando ó Goberno Central a manter os logros alcanzados en materia de igualdade e a continuar impulsando políticas nesta mesma liña.

En relación á reforma laboral, os socialistas subliñan que se estas medidas son aprobadas polas Cortes Xerais, “as consecuencias serán moi negativas sobre os dereitos dos traballadores, uns dereitos adquiridos dende hai anos e polos que tivemos que loitar con moito esforzo”.

Destacan que “a reforma laboral non vai resolver a grave crise que sofre a economía española e non vai rebaixar a alta taxa de paro existente. Todo o contrario, incrementará o desemprego e vai supoñer a degradación das condicións de traballo, pois está enfocada a facilitar e abaratar o despido a 20 días, a reforzar o poder dos empresarios para baixar os soldos dos traballadores sen necesidade de acordos, a crear novos contratos que permiten o despido libre e gratuito, a abrir o camiño dos despedimentos colectivos no sector público e a anular a capacidade de negociación dos sindicatos para defender os dereitos dos traballadores”.

Os membros do PSOE de Cervo insisten en que estas medidas “están pensadas para facilitar a destrucción de postos de traballo e non para incentivar a contratación. A reforma é inxusta dende o momento en que os traballadores perden dereitos e se dá todo o poder ós empresarios”.

En defensa da igualdade

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, os socialistas de Cervo presentaron no rexistro unha moción para debatir no vindeiro pleno, “coa finalidade de instar dende o Concello ó Goberno Central a manter as conquistas adquiridas en materia de igualdade e a seguir impulsando políticas que nos leven polo mesmo camiño”.

Un dos cambios máis importantes que se teñen producido na nosa sociedade durante as últimas décadas ten sido a evolución da situación das mulleres e o avance da lexislación sobre igualdade, “a pesares das dificultades, non podemos permitir que este proceso, que é positivo para a sociedade no seu conxunto, sufra retrocesos nin se paralice. Cremos necesario defender e manter os dereitos logrados, seguir impulsando actuacións que garantan unha igualdade efectiva e que sexa certo o compromiso de facer da igualdade un principio reitor de todas as nosas políticas”.

Exit mobile version