Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Ribadeo reivindica manter os dereitos das mulleres como colectivo e como traballadoras

Nota de prensa

8 DE MARZO-DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O PSOE de Ribadeo reivindica manter os dereitos das mulleres como colectivo e como traballadoras

AGRUPACIÓN MUNICIPAL SOCIALISTA DE RIBADEO

Ben entrado o século XXI, resulta significativo que a celebración este 8 de Marzo do Día da Muller Traballadora, cobre este ano, máis que nunca, unha relevancia especial. Esta crise na que Europa se atopa inmersa, e a política e accións levadas a cabo polo goberno actual tanto a nivel nacional coma autonómico elevan os niveis de alerta sobre unha situación encamiñada cara a un retroceso nos logros, lentos mais seguros, acadados ata o momento. O nivel de desemprego afecta nunha porcentaxe moi elevada o colectivo feminino e a situación de precariedade laboral dificulta enormemente os procesos de conciliación laboral e familiar. Fálase de reformas laborais que non contemplan a Responsabilidade Social Corporativa das empresas, fálase de reformas educativas que lonxe de incidir na integración e no respeto pretenden coartar os avances en materia de liberdade sexual, de xénero e educación para a igualdade e finalmente, fálase pouco e mal, do papel da muller na sociedade futura que temos que crear.

Non podemos permitir que a crise económica xustifique desmantelar conquistas sociais e educativas levadas a cabo e mantidas con gran esforzo mesmo nun contexto económico adverso, e que as pretendidas reformas sexan ao final un xeito de mermar os dereitos das mulleres traballadoras, e das mulleres en xeral como colectivo, coa conseguinte paralización ou erosión dos procesos integradores. Todo o contrario. Neste momento de profunda revisión da sociedade a nivel económico, social e ideolóxico temos que sentar as bases do que queremos que sexa o noso futuro como cidadáns e polo tanto, loitar contra as diferencias aínda presentes: mesmo salario para homes e mulleres en igualdade de condicións laborais, programas de Conciliación laboral nas empresas, incentivación á contratación de mulleres, e tantas e tantas contas pendentes a día de hoxe.

Por todo isto e para todos nós, este ano, o día 8 de Marzo debe ser un día de reivindicación, de loita e de recordo por todos aqueles que durante anos loitamos para crear a sociedade máis xusta na que cremos e agardamos ter nun futuro próximo.

Exit mobile version