Site icon Crónica3.com A Mariña

O secretario xeral para o Deporte salienta que na Lei do Deporte será unha actividade de interese público

Nota de prensa

JOSÉ RAMÓN LETE LASA SALIENTA QUE A FUTURA LEI DO DEPORTE DE GALICIA CONSIDERARÁ A PRÁCTICA DEPORTIVA COMO DE ACTIVIDADE DE INTERESE PÚBLICO DEBIDO Á SÚA REPERCUSIÓN NOS EIDOS DA EDUCACIÓN, DA FORMACIÓN E DA CULTURA

 O secretario xeral para o Deporte inaugurou o IV Congreso Galego de Xestión Deportiva

 Durante a súa intervención destacou que a nova normativa especifica unha concepción ampla e global do deporte, pero distinguindo entre actividade deportiva e actividade física

 Lete Lasa tamén aludiu ao Plan “Galicia Saudable” posto en marcha pola Xunta co obxectivo de modificar os hábitos dos galegos cara á consecución dun maior benestar e saúde a través da actividade física

Lugo, 23 de marzo de 2012.- O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, salientou hoxe que a futura Lei do Deporte de Galicia –que proximamente aprobará o Parlamento- parte da concepción do deporte como unha actividade de interese público debido ás funcións que desempeña nos eidos da educación, da formación e da cultura, e defendeu que o texto responde “á necesidade de acompasar as previsións legais á actualidade e ao futuro que queremos acadar para o noso deporte”.

Durante a súa intervención no acto de inauguración do IV Congreso Galego de Xestión Deportiva, organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (Axadege), José Ramón Lete destacou a importancia do deporte para a mellora da saúde pública, o fomento da cohesión social e o desenvolvemento económico, que, en definitiva, se traduce en xeración de riqueza e benestar para a sociedade. Non obstante, matizou como “transcendental” a distinción que o texto normativo establece entre actividade deportiva e actividade física. Segundo dixo, ambas aparecen reflectidas no texto, e ambas son obxecto do seu recoñecemento, protección e fomento, pero só a actividade deportiva é obxecto de regulamentación.

Doutra banda, e respecto da actividade física, o secretario xeral aludiu ao Plan “Galicia Saudable” posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de modificar os hábitos dos galegos cara a consecución dun maior benestar e saúde a través da actividade física.

Principais novidades do texto

Durante a súa intervención, o secretario xeral para o Deporte realizou un relatorio do contido na futura norma, facendo especial fincapé nas principais novidades regulatorias. Así, e dende o sistema competencial das Administracións públicas, ata a reordenación das entidades deportivas -con especial referencia ás federacións deportivas-, pasando, entre outras materias, pola xurisdición deportiva, José Ramón Lete presentou ós asistentes os IX Títulos nos que se estrutura a futura Lei do Deporte de Galicia.

Tamén se abordaron os dous títulos da norma totalmente novidosos respecto da actual regulamentación, dedicados á prevención e loita contra a dopaxe no deporte e á prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde orden deportiva, apuntando que, cos mesmos, Galicia se posiciona definitivamente na salvagarda dos valores esenciais do feito deportivo.

Proceso de elaboración

José Ramón Lete salientou tamén como a norma ven a dar cumprimento a un dos compromisos que esta Xunta de Galicia adquirira cos cidadáns, un compromiso en cuxa consecución, apuntou, “participaron os axentes afectados que, logo da información pública do presentaron numerosas achegas, coma as das federacións deportivas, das Universidades, da FEGAMP ou as do COLEF, e as propias achegas dos propios grupos parlamentarios”.

Finalmente, o secretario xeral para o Deporte apuntou que a aprobación da norma non esgota a labor dos poderes públicos en prol do deporte galego, pero “sí supón un paso definitivo, a clave de bóveda, do futuro desenvolvemento do deporte de Galicia e, como non, do seu sistema deportivo”.

Exit mobile version