Site icon Crónica3.com A Mariña

Os laranxas recibirán na 25ª xornada de segunda a o Melilla FS na pista de Vista Alegre

OS LARANXAS RECIBEN UN MELILLA CON DÚBIDAS QUE PELEXA POLA SALVACIÓN

Os laranxas recibirán mañá, na 25ª xornada de Segunda, un Melilla FS que saltará á pista de Vista Alegre con dúbidas de efectivos na súa pelexa pola salvación. O asubío inicial oirase ás 18.30 horas.

O Burela FS Pescados Rubén chega concienciado ao encontro para asegurar os tres puntos e seguir loitando por coarse nos postos de play off; para iso, Julio Delgado contará con todo o vestiario, a excepción da consabida ausencia de Bebeto, cun novo chamamento do xuvenil Antón Couto. Os mariñáns deberán espremer a debilidade do rival, que ata o momento tan só conseguiu 1 punto fóra da casa; foi na xornada 15, ante o UMA Antequera (3-3).

Os melillenses, na décimo cuarta praza (25 puntos), intentarán contrarrestar a baixa de Nacho Gil, por lesión, e as dúbidas de Juanillo e Rafita coa inxección de moral que lles outorgou o triunfo da semana pasada ante o Sala 5 Martorell (3-2), unha vitoria coa que romperon o infortunio de 4 derrotas consecutivas.

Esta é unha boa ocasión para os laranxas, cunha cita máis factible, a priori, ca os seus rivais máis directos. Ocupando a décima e undécima praza e empatados cos burelistas (30 puntos), o UMA Antequera recibirá o UA Ceutí, oitavo (35), e o UPV Maristas Valencia acollerá o Manzanares, segundo (44).

Na primeira volta, o Pescados Rubén conseguiu impoñerse por 0-2.

Próxima xornada. Tras a parada da Semana Santa, ao cadro laranxa tocaralle viaxar a Eivissa, o sábado 14 de abril.

Remitido

Exit mobile version