Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse na Deputación un programa con motivo do día internacional da muller

Nota de prensa

PRESENTOUSE NA DEPUTACIÓN O PROGRAMA “A ARTE DE SER MULLER NUN MUNDO POR COMPARTIR 4.0”, CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Antonio Veiga destacou a importancia deste tipo de programas a prol da igualdade entre homes e mulleres

Mario Outeiro puntualizou “que ademais de algo moral, se trata dunha obriga, no cumprimento da Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo”

Lugo, 7 de marzo de 2012. Durante o mes de marzo e con motivo do Día Internacional da Muller, as áreas de Cultura e Turismo e Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, van desenvolver un amplo programa de actividades artísticas multidisciplinares que se desenvolverán nos catro museos que conforman a Rede Museística Provincial baixo o título “A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0”. Este proxecto foi presentado na mañá de hoxe no salón de actos do Pazo de San Marcos, presentación na que participaron Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, e Mario Outeiro, delegado da Área de Cultura e Turismo.

Mañá, 8 de marzo, Día Internacional da Muller terá lugar a inauguración dunha exposición artística baixo o mesmo nome que engloba todo o programa, que estará aberta ao público durante un mes na sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Previamente á inauguración, haberá unha recepción, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, a cargo do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e do delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, seguida da conferencia “Muller e literatura” a cargo de Teresa Moure, que servirán de apertura o variado programa de actividades que presentado hoxe.

Antonio Veiga destacou a importancia “deste tipo de programas en prol da igualdade” e lembrou que “no mes de marzo hai dúas efemérides importantísimas para a clase traballadora; refírome ó 8 de marzo que é o día da muller traballadora e o 10 de marzo que é o día da clase traballadora galega, e falar de muller e falar de traballo é algo que vai estritamente unido, e por iso dende a Área queríamos facer unha pequena reflexión sobre a situación laboral da muller despois de todos estes obradoiros e xornadas que se van levar a cabo”.

Mario Outeiro, pola súa banda, explicou que “ ademais de facelo por todos os motivos explicados polo vicepresidente, é tamén unha obriga de todas as administracións, organismos e entes públicos en cumprimento da Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, pola que no artigo 26.2 se establece que todos os entes públicos que de xeito directo ou indirecto configuren a rede pública de xestión cultural, como é o caso da Rede Museística Provincial, deben desenvolver iniciativas destinadas a favorecer a promoción específica das mulleres na cultura e combater a súa discriminación estrutural, e ao mesmo tempo, xerar políticas activas á creación e produción artística de autoría feminina”

Exit mobile version